Melloras nas vías provinciais por valor de 1,6 millóns de euros

O POS tamén contempla servizos básicos para o rural

Entre o máis demandado: melloras nos accesos e nas rúas

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou nunha das súas últimas sesións a adxudicación de melloras en catro estradas de titularidade provincial que a institución acometerá con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) de 2011. O orzamento dos traballos de acondicionamento ascende a 1,6 millóns de euros, financiados ao 50% polo Ministerio de Administracións Públicas e Deputación. En relación a isto, o presidente provincial José Ramón Gómez Besteiro, destacou que con estas actuacións “o organismo provincial aumenta a inversión en obra pública, ao igual que fai co Plan Extraordinario de Obra Pública e as obras do Canon enerxético”.

Estrada ao seu paso polo Saviñao. EC

ACTUACIÓNS EN SARRIA

Besteiro fixo pública así a adxudicación das obras provinciais do POS, dentro das que se arranxarán numerosas estradas, unha delas no municipio de Sarria. Neste senso será a vía que discorre entre Mesón de Alvaredo e San Martín de Loureiro, do punto quilométrico 0,000 ó 5,075. Para dita obra farase unha inversión de 299.491 euros e contarase cun prazo de execución dun mes. As obras, que fundamentalmente consisten na pavimentación con aglomerado e mellora de sinalización e balizamento, comezarán no prazo aproximado dun mes no caso das estradas de Sarria. En canto ás outras, as de maior envergadura, o inicio das mesmas dependerá das condicións meteorolóxicas. As melloras afectan en total a 25 quilómetros da rede viaria provincial.

NUMEROSOS PROXECTOS

No conxunto da provincia, o POS de 2010 incluíu un total de 107 obras, das que 81 forman parte do Plan e 26, do Plan Complementario que se leva a cabo cos remanentes do primeiro. No caso das obras da Deputación, incluíronse dúas estradas provinciais.

Do total de 5,5 millóns de euros cos que está dotado o Plan de Obras e Servizos deste ano, 1,6 destínanse a obras provinciais; e os 3,8 millóns restantes a proxectos de competencia municipal. Neste último caso, fináncianse do seguinte xeito: o Ministerio de Administracións Públicas aporta o 50% (1.919.060 euros), a Deputación o 25% (959.530 euros) e os Concellos o 25% restante (outros 959.530 euros). Ademais, un dos aspectos máis salientables do Plan de Obras e Servizos é que este servirá para dotar de servizos mínimos aos sectores da poboación que carecen deles, segundo os déficits contemplados na Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais, que a Deputación elaborou en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

Cooperación

En suma, trátase dun instrumento de cooperación cos municipios, xa que aúna o esforzo entre administracións e dota de servizos mínimos e necesarios ao rural que os Concellos non poderían asumir por si sós. Normalmente soen ser melloras nos accesos a núcleos, pavimentación de rúas, abastecemento de auga, mellora da rede de sumidoiros, alumeado público, e acondicionamento de centros sociais e de instalacións culturais. Os criterios aplicados para o reparto dos fondos son os mesmos que se veñen empregando dende 2008, de maneira que todos os Concellos reciben un mínimo de 18.000 euros, sexa cal sexa o goberno municipal co que conten.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

15-M reclama en Monforte unha sociedade máis xusta

Seguinte Nova

Un paso máis na creación de emprego

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: