Conservatorio Adagio de Monforte: vinte anos de música clásica profesional, vinte anos de ilusión

Manuel Randulfe, director do conservatorio Adagio:“Hai que amar a música, porque sempre nos traerá unha satisfacción”

O conservatorio Adagio de Monforte celebrou hai uns días os vinte anos de traxectoria profesional cun concerto de luxo na igrexa da nosa Señora da Antiga do colexio dos Escolapios. Manuel Randulfe, director do centro, actuou de mestre de cerimonias sendo o encargado de recibir a invitados tan ilustres como o seu gran amigo e presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e tamén sendo o primeiro en tocar unha peza ao piano. Pero do concerto ofrecido por Randulfe na compaña dun quinteto tamén disfrutaron outras personalidades como a cantante Rosa Cedrón, directores doutros conservatorios de Galicia e numerosos políticos, entre outros.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na súa chegada a Monforte, acompañado de Manuel Randulfe, director do conservatorio Adagio, da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, da concelleira de Cultura, Pilar López, e outras autoridades. EC

INICIOS MUSICAIS

Para chegar a este punto, Manuel Randulfe recoñece que os primeiros pasos non foron doados. “Eu comecei aquí no Casino Ateneo, a instancias do director da radio nacional que me ofreceu abrir as clases de piano no Casino. Alí estiven cinco anos e vendo que aquilo ía funcionando, que había demanda, foi cando decidín poñer unha academia particular. Nese intre foi cando o Ministerio de Educación e Ciencia lle transferiu a Galicia as competencias educativas; entre elas a da música. É dicir, a Consellería abría a posibilidade de solicitar conservatorios de música privados; recoñecidos; así que xunto con outros dous de Vigo e Coruña lanzámonos á aventura e fomos os tres primeiros conservatorios privados recoñecidos da comunidade. Teño que dicir que máis que difícil foi unha experiencia moi fermosa. Á marxe das formalidades, Randulfe asegura que a traxectoria profesional por estes vinte anos foi máis que satisfactoria. “En calquera disciplina académica ten que haber un rigor ao que tes que estar suxeito; un rigor administrativo e unhas normas (que neste caso son as da Consellería), pero no caso da música ten que haber unha altísima dose… non de fantasía, pero si de arte, porque estamos a falar da música. Quizais por iso hoxe o problema máis acuciante, por chamarlle problema, é conciliar ámbalas dúas cousas: o rigor académico co rigor artístico. Polo demais, dicir que o conservatorio funciona moi ben, e digo que funciona moi ben no meu caso porque conseguín perfectamente implantar a miña filosofía, e que os mestres teñan a mesma, que é ensinar música aos alumnos e ensinarlle sobre todo a amar a música, que non vexan endexamais a música como unha disciplina a compatibilizar co ensino”.

Un momento do discurso de Manuel Randulfe durante a celebración do 20º aniversario do conservatorio Adagio de Monforte. EC

O MÁIS GRATIFICANTE: TRABALLAR COS NENOS

Na actualidade son preto de oitenta os alumnos cos que conta o conservatorio, onde se imparten disciplinas como piano, acordeón e gaita, pero tamén guitarra española e guitarra eléctrica. “Traballamos moito as audicións cara ao público, porque o músico ten que ser comunicador; e tamén a improvisación, ensinando dende moi pequenos a crear. Que os meniños coñezan o abano de posibilidades que oferta a música clásica é moi importante, porque non se chega á composición pola mera inspiración, se non que hai que traballar. En suma, estamos tendo moitísimo éxito profesional cos pequeniños, dende os cinco anos de idade”. En relación aos alumnos, Manuel Randulfe destaca o gratificante que é traballar con cativos. “Aína que tamén temos un apartado para adultos, traballar con nenos é fantástico. A maioría son nenas, e chama a atención que elas son as máis perseverantes, mentres que eles son máis tenaces. Por poñer un exemplo, o 80% das nenas son cumplidoras, ordenadas, disciplinadas; mentres que os rapaces xa son máis anárquicos, agora ben, ao que lle gusta… iso é tremendo, cunha vehemencia e unha tenacidade incrible”.

FERVOR POLA MÚSICA

Randulfe recoñece ser un “enfermo” da música, un apaixonado da mesma. E é que rebuscando no seu pasado, en calquera recordo de pequeniño e en calquera das súas lembranzas, aparece sempre algún son. “Nacín cunha afección tremenda á radio. Sen embargo, o detonante polo que quizais me adiquei ao piano puido ser porque a miña irmá tiña un piano na casa no que eu comecei a tocar. Iso foi a miña inclinación por este instrumento, pero logo por exemplo contan que eu me quedaba atontado nas verbenas, quietiño e sentadiño diante do palco escoitando o son. Mesmo vivindo nos Peares, a min chamábame moito a atención o paso dos trens, o ritmo que facían coas rodas según foran os vagóns. Vamos, que sempre me chamou moitísimo o ritmo e iso débollo ao tren. Por exemplo, segundo viñera de Monforte ou de Ourense, eu estaba desexando que lle cambiara o ritmo ao tren cando entraba na ponte, cando empezaban a retemblar os ferros… En fin, que nacín músico”.

Con este gran músico ao fronte, o conservatorio Adagio de Monforte cumpriu dúas décadas de vida oficial. En todo este tempo pasaron máis de mil alumnos polo centro (1.150 aproximadamente), dos cales destacaron grandes profesionais, “sobre todo no ámbito do ensino”. Neste senso, Manuel insiste na idea de que a música pasa sempre por un bo momento. “Ainda que sone idílico, se o músico e o profesor viven a música, é sempre un gran momento. E é máis, a música sempre nos vai a pasar unha factura positiva, sempre vai a traer unha satisfacción: ou ben laboral, ou ben terapéutica, ou ben anímica”.

Escoitando as palabras de Manuel Randulfe, e por suposto a súa música, calquera chega á conclusión de que verdadeiramente é un apaixonado da música, de que ama a música. Ante isto non podemos evitar pedirlle que nos destaque finalmente o mellor e o peor destes vinte anos. “O mellor foi chegar aos 20 anos, sen lugar a dúbidas. E o peor, loitar moitas veces contra a falla de credibilidade da xente de que isto tiña un futuro; que aínda que fose regulado academicamente, laboralmente isto sí ten futuro. Noutras palabras: o peor foi intentar concienciar á xente de que a música non era nin para perdidos, nin para xente de malvivir, nin para vagos e maleantes, e que un conservatorio non é un reducto de nenos en réxime de gardería; isto foi co que máis houbo que loitar, con que un pai se sentise orgulloso do fillo músico. Pese a todo, quédome coa parte positiva e coa idea de que a música é un bálsamo para todo”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pulo ao turismo termal

Seguinte Nova

O futuro do Hospital comarcal de Monforte, a debate

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: