Pulo ao turismo termal

Os descontos aplicados son de 40 euros para lucenses maiores de 50 anos, nos paquetes termais acordados cos propios balnearios

Na provincia de Lugo funcionan catro balnearios que reciben ao ano a 120.000 persoas

Vista xeral do Oca Augas Santas Balneario Golf Resort de Pantón. EC

A comezos do verán, a Deputación de Lugo presentou un programa de subvención de prazas en distintos balnearios da provincia, co obxectivo de fomentar este tipo de turismo ao mesmo tempo que se ofertan outras posibilidades. Agora, en pleno mes de outubro, o organismo provincial ven de ofrecer as últimas prazas que subvenciona en centros termais como o de Pantón, entre outros, a través do programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”. E é que trala apertura do período de inscrición en agosto, a día de hoxe quedan 650 prazas para os meses de novembro e decembro. A recepción de solicitudes marcha a bo ritmo, xa que en pouco máis dun mes reserváronse a metade das 1.350 localidades que se puxeron a disposición nos tres establecementos hostaleiros: Balneario Oca Río Pambre, Guitiriz Hotel Balneario & Golf Club, e Oca Augas Santas Balneario Golf Resort. Con isto, os interesados en participar desta iniciativa só teñen que anotarse canto antes chamando ao teléfono 982.260.075. Cómpre destacar que os balnearios nos que se ofertan as prazas están situados ao pé do Camiño de Santiago, polo que o proxecto tamén promociona a ruta xacobea, reivindicando que hai vida máis alá do Ano Santo.

DESTINATARIOS

O programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago” da Deputación está dirixido a todos os lucenses maiores de 50 anos e ofrece descontos de 40 euros nos seguintes paquetes acordados cos balnearios: seis días con cinco noites de estancia, cinco pensións completas con comidas e ceas incluídas; día de entrada domingo: cea e aloxamento; día de saída venres: almorzo e xantar; dúas técnicas de balneario durante catro días; un recoñecemento médico; e programa de animación sociocultural de luns a xoves, ámbolos dous días incluídos. Pola súa parte, xunto ás 1.350 prazas ofertadas nos establecementos termais de Guitiriz, Pantón e Palas, o programa incluíu a maiores 50 localidades no Balneario de Lugo Termas Romanas, esgotadas durante o mes de agosto. O sector termal é un negocio turístico que conta cada vez cun maior peso na economía de Lugo. Na provincia funcionan catro balnearios que, segundo os datos dos propios establecementos, reciben ao ano 120.000 persoas, xerando un volume de negocio de 7 millóns de euros.

Apoio decidido tamén para o sector agrario

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ratificou hai uns días na presentación da nova marca de carne Tenreira Galega Suprema-Carne de Rubia Galega, e na inauguración da mostra agrogandeira Expolugo, o compromiso do organismo provincial co campo lucense. No acto esixiu a outras administracións o mesmo esforzo, xa que a actividade agrogandeira ten un peso fundamental no tecido socioeconómico da provincia. Neste senso, destacou a necesidade de “traballar en común” para sacar adiante “iniciativas importantes” que revitalicen o rural, como o primeiro centro público de recría de gando en España, que a Deputación está a construír na Granxa Gayoso Castro financiado ao 100% pola institución luguesa. Tendo en conta que se trata dun proxecto revolucionario levado a cabo no campo galego, Gómez Besteiro garantiu que non reducirá os investimentos nin a colaboración co agro lucense a pesar das continxencias económicas.

O dirixente provincial tamén lembrou que a Deputación e Acruga traballan conxuntamente dende o ano 2007 para impulsar a raza rubia galega, unha colaboración que fixo posible que se recriasen na Granxa Gayoso máis de 300 exemplares que a asociación gandeira mercou aos gandeiros lucenses para, posteriormente, melloralos xeneticamente nas instalacións.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Do 17 ao 25 de outubro terá lugar a IX Mostra de Cine de Monforte, organizada polo cineclube a Calexa

Seguinte Nova

Conservatorio Adagio de Monforte: vinte anos de música clásica profesional, vinte anos de ilusión

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: