Castañazo Rock: Chantada prepárase para recibir ao rock en estado puro

No cartel, grupos destacados como Reincidentes e Habeas Corpus, e numerosas actividades para os máis pequenos

O vindeiro sábado 29 de outubro Chantada acollerá a novena edición do Castañazo Rock, un festival xa consolidado que cada ano gaña máis adeptos. A principal novidade deste ano é que volve a ser un día, en vez de dous como no ano anterior. Dende a organización, Iban Gómez da asociación cultural O Castanhazo, sinalou que os motivos desta decisión foron fundamentalmente tres: “un o económico, xa que hai unha pequena reducción de presuposto dado que é máis complicado encontrar axuda por parte das institucións debido ao tema da crise económica; e outro, porque nós mesmos o decidimos así, que era mellor reducir un pouco o orzamento porque ao mellor iso vainos garantir ter unha constancia en vindeiras edicións. A maiores dicir tamén que o motivo principal polo que só se fai un día é polo tema de calendario. O ano pasado fixéronse dous días porque había o festivo do 1 de novembro e era luns, e este ano é martes”.

Actuación do grupo Alén no Castañazo Rock de Chantada. Foto: S.Navaza

PROGRAMA

En canto ao programa de actividades, pola mañá terá lugar o II Concurso de Cantos de Taberna, “que xa o ano pasado tivo bastante éxito e co que se pretende dinamizar o movemento polo pobo xa en horario de mañá”. Tamén pola mañá na praza do Cantón (ou na Casa da Música se chove) celebrarase o Castañazo Infantil coa actuación do grupo Os Tres Tenedores. “Despois pola tarde e como todos os anos teremos o campionato de billarda a partir das catro e media; e ás seis, os xogos bravús, nos que xa imos pola cuarta edición; así como o magosto arredor das sete-oito da tarde”, engadiu Iban. Para acompañar a xornada de actividades, un dos grupos que tocará no festival -Skarallaos-, fará un espectáculo na rúa. Pola súa parte, o cartel musical está formado polos grupos nacionais Reincidentes, Habeas Corpus e The Locos; mentres que “o toque exótico vaino a poñer o grupo húngaro Bohemian Betyars, que fan música tradicional balcánica; e a representación galega vriá da man de Falperrys, un grupo de rock vigués; e Skarallaos, da Coruña”. Segundo apuntou Ibán, “máis que novidades este ano o que pretendemos é afianzar un pouco as actividades novidosas que tanto éxito tiveron o ano pasado, tales como o castañzo infantil ou o concurso de cantos de taberna”.

Xogos populares na pasada edición do Castañazo Rock. Foto: S.Navaza

ORZAMENTO

Á falta dalgunhas cousas por pechar, o orzamento deste ano é lixeiramente inferiror. Ainda así, ronda os 55.000 euros. “Teño que destacar que contamos co apoio -ao igual que o levan facendo todos estes anos- do Concello de Chantada e da Deputación de Lugo dende a área de Cultura e Benestar. De feito hai que sinalar e destacar o importante esforzo que fai principalmente a área de Benestar, que todos os anos nos apoia e é unha importante axuda. E por outra parte, lamentar que un ano máis non recibimos apoio da Xunta. Neste senso explicar que non é porque a Xunta non decida investir en festivais, que sí que o fai en menor ou maior cantidade, o que pasa é que co Castañazo nunca contan, ao igual que con moitas outras asociacións culturais que polo simple feito de ser unha asociación non reciben axuda. E ademais nun lugar como é Chantada que está un pouco esquecido, parece ser, por parte desta institución”, indicou Iban. Á marxe de polémicas, a verdade é que a resposta da xente a esta cita chantadina medra ano a ano. Tanto é así, que pese a que este ano volve a ser un só día, dende a organización agardan unha afluencia de xente semellante. “O ano pasado a verdade é que tivo un éxito extraordinario e un aumento de afluencia de xente considerable con respecto a edicións anteriores, e a pesar de ser un día este ano, nós as expectativas que temos son as de igualar o rexistro de asistentes, que rondou as 4.000 persoas”.

ENTRADAS

O prezo das entradas é de 10 euros anticipada e 15 euros en taquilla. A entrada anticipada xa se pode mercar dende o pasado luns día 3 en Chantada nos locais Café Meigo e pub Bestobravo, e despois nas principais cidades de Galicia. As entradas pódense mercar ata dous días antes do festival (ata o día 27), agás en Chantada que se poderán mercar o día anterior.

CASTAÑAZO ROCK 2012

Na súa orixe o Castañazo Rock foi un festival de música bravú. Sen embargo, na actualidade é un festival de rock estendido a todos os estilos musicais. “Ben é certo que deixou pegada, pero o movemento bravú hoxe en día está case extinguido. Pola nosa parte, nun adianto do que será o décimo aniversario do Castañazo Rock, pretendemos en parte que ese décimo aniversario sexa unha homenaxe ao bravú novamente, tal e como foi o ano de recuperación do festival en 2007, que foi practicamente unha homenaxe ao que era o bravú e á importancia do bravú, e sobre todo en Chantada, que foi onde naceu ese movemento. Quero dicir que a nosa idea para 2012 é recuperar iso e que parte dos grupos que veñan sexan dese estilo, volvelos a xuntar e que sexan grandes grupos que formen parte do cartel. É pronto, pero é a nosa idea”, conclúe Iban.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentación da nova marca “Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega”

Seguinte Nova

Monforte, escenario de cine

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: