Jesús Rodríguez Muiños, “Carolo”, novo adestrador da S.D. Chantada:

“O obxectivo para esta tempada está claro: manter a permanencia”

Carolo debutará ao fronte do Chantada na liga o 28 de agosto

Redacción-Chantada

Jesús Rodríguez Muiños, “Carolo” é xa o novo adestrador da S.D. Chantada para esta tempada. Nado en Estramundi de Abaixo, Padrón, (A Coruña) o 3 de maio de 1965, conta cunha ampla e variada traxectoria como xogador, chegando a disputar un partido en primeira división co Celta de Vigo en San Mamés. A pasada campaña dirixiu ao Vilariño, equipo da Primeira Rexional ourensá. Pola súa parte, xa ao frente do equipo chantadino, o primeiro adestramento tivo lugar o pasado martes 26 de xullo, mentres que o primeiro encontro amistoso da pretempada celebrouse o 3 de agosto en Escairón ante o equipo local. Oficialmente, o clube comezará a Liga o vindeiro 28 de agosto.

Jesús Rodríguez Muíños, “Carolo”, novo adestrador da SD Chantada. SDCH.

¿Que foi o que o motivou a virse para o Chantada?

Chamáronme dende a directiva do Chantada para interesarse polos meus servizos, e bueno, o que máis me motivou foi que, primeiro, é unha categoría superior, xa que compiten en Preferente Autonómica; e segundo, que son un grupo de xente xoven, e sempre me gustou adestrar con xente xoven.

Xa van varios adestramentos, pero ¿como foi esa primeira toma de contacto?

Ben, a verdade é que ben. Aos rapaces véselles que están con actitude e con moitas ganas, e bueno, as sensacións por ambas partes penso que están sendo boas. Ademais, eu xa coñecía o Chantada, porque estando de árbitro xa asitín nalgún partido. Teño que dicir que xa daquela me deu moi boas sensacións, e que esas experiencias previas axudáronme moito a decidirme a vir ao Chantada.

Despois deses primeiros adestramentos, ¿como ve aos xogadores?

A verdade é que con moitas ganas. Véndoos xa tocando o balón aprécianse moitas cousas. E dende logo, de momento, ainda que é pronto, podo dicir que sí estou contento.

Un momento dos adestramentos do equipo chantadino. SDCH.

¿Cales van a ser os obxectivos para esta tempada?

Está claro que o obxectivo é a permanencia. O que hai que facer é traballar o máximo para quedar o máis arriba posible, e unha vez conseguida a permanencia o obxectivo estaría cumplido. O ascenso estaría un pouco lonxe, pero bueno. Primeiro vamos a traballar.

¿Ten preparada algunha liña ou estratexia a seguir nos adestramentos?

Non, ningunha. O que eu tiña pensado e o que falei con varios compañeiros que xa coñecen ao Chantada, vai a ser seguir cunha prolongación do que estaba feito o ano pasado.

Son ainda poucos os adestramentos realizados ao fronte da SD Chantada, sen embargo, despois deste tempo, ¿que destacaría do equipo?

A boa actitude coa que empezaron os rapaces. Son xente nova con moitas ganas e sobre todo moita alegría.

E xa por último, ¿ve necesidade dalgunha fichaxe ou xa as ten descartadas?

Non, de momento non vexo necesidade. En principio vamos a traballar co que temos en Chantada, e se valoramos que temos que facer algunha fichaxe, pois miraremos as posibilidades que hai e se se pode conseguir. Sabemos que o Chantada non é un equipo moi forte economicamente, así que hai que ceñirse a iso.

No primeiro equipo da S.D. Chantada tan só figuran esta tempada dúas novas caras: a do porteiro Melendo e a do dianteiro Héctor.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Turistas de toda España achéganse a Chantada para coñecer máis sobre as rutas do viño e a Ribeira Sacra

Seguinte Nova

O conselleiro de Medio Rural visita a adega Guímaro en Sober

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: