Aprender inglés máis alá das clases

Úrsula Fernández, profesora de inglés:“O bo funcionamento da academia reside no trato que teño cos meus alumnos”

Redacción -Monforte

A academia de inglés monfortina ‘Ursula´s lessons’ cumpre este mesmo mes tres anos de actividade. A súa responsable, Úrsula Fernández Viñas comezou con este proxecto emprendedor nun contexto no que a crise aparecía por todos os lados. Sen embargo, a día de hoxe continúa máis activa que nunca grazas, tal e como ela mesma explica, “á xente que confiou en min e á xente que continúa conmigo”.

Úrsula Fernández Viñas na academia. EC

Ursula´s lessons conta xa con tres anos de andaina profesional. ¿Que balance fai?

Certo, fago tres anos neste mes e estou moi contenta, e todo teño que agradecerllo á xente que está comigo e que confiou en min e confía todos os días en min. Durante un tempo estiven traballando nunha academia, e bueno, o típico que pensas con 27 ou 28 anos sobre o que podes facer, se te decides a montar algo, se é mellor volver ao extranxeiro. Finalmente foron os meus alumnos os que me animaron a comezar con este proxecto, e entón decidínme, aínda que era no momento de crise e era arriscarse un pouco. Sen embargo, eu partía dunha base, e tampouco era un negocio que necesitara demasiada inversión. Total, que ao final o balance é máis que positivo. Iso sí, os comezos sempre son difíciles. E nada, agora conto coa xente de sempre; loxicamente ano tras ano vén alguén novo, pero os meus alumnos son alumnos aos que lle levo dando clase dende o Bacharelato. É a miña xente.

Aprender inglés é o obxectivo fundamental, pero hai quen vai máis alá, ¿non?

Sí, hai de todo. Están os que veñen porque necesitan obter un certificado, un título ou pasar de asignatura. Pero tamén hai xente, xa sexan adultos ou nenos de tres anos incluso, que comezan co inglés porque verdadeiramente consideran que é importante. E despois tamén hai xente que comeza porque necesita ese título, pero que acaba dándose conta de que o inglés é algo máis.

¿Como compaxina horarios para tantos estudantes?

Bueno, en ‘Ursula´s lessons’ as clases de verán soen ser nos meses de xullo e agosto de dez da mañá a dúas da tarde, e logo de inverno, dende outubro ata mediados de xuño polas tardes, de tres da tarde a dez da noite. Pero aínda así, eu sempre tento amoldarme á xente, non que a xente se amolde a min. A xente ven tranquila, e esta é unha das diferenzas con outro tipo de sitios. Ademáis, os venres manteño unhas horas, de oito a dez, para que esa xente que está fóra teña a oportunidade de acudir á clase.

¿Que perfil de xente ten ‘Ursula´s lessons’?

Pois cando empecei adicábame só a adolescentes, xente de BAC e adultos. Agora, teño grupos de nenos tamén e cada vez máis pequenos, de feito este ano tiven un grupiño de nenos de 3 anos, o que reflicte a preocupación de seus pais por unha educación máis completa. Ademais, teño adultos cuxa segunda lingua foi o francés no seu día e agora senten a necesidade de ter un mínimo de coñecementos nesta lingua anglosaxona.

¿Cal é o nivel de inglés entre os seus alumnos?

Bueno, cada vez máis a xente xa entende que está aquí non porque teñan mal o inglés, senón simplemente porque é unha forma de mantelo. Tamén, hai outra xente, especialmente procedente do mundo da hostalería e turismo que o necesita día a día no seu traballo ao igual que hai quen viaxa ao estranxeiro, ben por negocios ou pracer que ve o inglés coma unha ferramenta indispensable para comunicarse. Arestora, os pais danse conta da importancia desta lingua, que non é só unha materia máis, e á que dende logo lle hai que adicar moitísimo tempo, xa que non chega só con vir á academia, hai que ser constante para ver resultados.

¿Que fai a ‘Ursula´s lessons’ diferente?

Creo que é o trato persoal que teño cos meus alumnos, que vai máis alá das clases. A xente que leva comigo anos, é xente que sabe que pode contar comigo para calquera cousa. Por poñerche un exemplo, tiven unha época na que chegaba a comer cos meus alumnos antes dos exames para solventar dúbidas de última hora e adoito a traballar as fins e semana para reforzar coñecementos antes de probas decisivas.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En barca polo Cabe: Voltan a Monforte os paseos polo río todos os días da semana

Seguinte Nova

O viño e o jazz, unidos na Ribeira Sacra:A Ribeira Sacra Jazz Orquestra nace co obxectivo de potenciar esta zona

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: