Adif investirá 546 millóns de euros en tres anos para modernizar a liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo

• O proxecto, presentado en Monforte, contempla a electrificación total da liña, a adecuación á alta velocidade, a supresión de cinco pasos a nivel en Monforte e 14 en Sarria, e a remodelación de estacións

O alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, actuou como anfitrión do acto de presentación do proxecto ferroviario, no que participaron a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Sergio Vázquez Torrón, o pasado 12 de marzo. (Foto: MONTERO).

A tradición ferroviaria de Monforte recobrou protagonismo este mes, xa que a cidade do Cabe foi escollida para presentar o plan de mellora e modernización da liña Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, que suporá un investimento de 546,4 millóns de euros entre 2021 e 2023. O alcalde e presidente da Deputación, José Tomé, recibiu na Casa Consistorial monfortina á presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e ao secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Sergio Vázquez Torrón. Na súa intervención «nun día histórico ou que vai facer historia en Monforte e na provincia», Tomé destacou «o traballo e o compromiso do Goberno de España» a través dunha serie de «feitos», cos que «Lugo volve a estar no mapa das infraestruturas de Galicia e de España».

CRÍTICAS AOS GOBERNOS DO PP «QUE NON FIXERON NADA POLO TREN EN LUGO»
O mandatario provincial aproveitou a súa intervención para criticar «o esquecemento total, o desprezo absoluto ao que someteron a Lugo os gobernos do noso país entre os anos 2011 e 2017», en referencia á xestión do Partido Popular no Goberno central, «gobernos que non fixeron nada pola provincia de Lugo en materia ferroviaria».

CORREDOR FERROVIARIO MÁIS COMPETITIVO E SUSTENTABLE
O proxecto de Adif ten como obxectivos a modernización do tramo Ourense- Monforte para facelo máis competitivo, logo da súa incorporación ao Corredor Atlántico de mercadorías. Tamén se prevé a conexión de Lugo á rede de alta velocidade, e a electrificación completa dos dous tramos do corredor ferroviario, que o faga máis competitivo e máis sustentable.

MÁIS DE 200 MILLÓNS NA LIÑA OURENSE-MONFORTE
No tramo entre Ourense e Monforte, Adif investirá 202,5 millóns de euros, e xa ten adxudicados os contratos para reparar desmontes e 23 pontes. En proceso de licitación, atópanse os contratos para tratamento de pontes, túneles e explanacións, así como a renovación completa da catenaria e da vía, o tratamento de beiravías e cruces entre beiravías nas estacións, e os peches en zonas urbanas. Ademais, están en fase de proxecto a supresión de cinco pasos a nivel e o tratamento de pontes, túneles e explanacións.

NOVO TÚNEL NO OURAL E AMPLIACIÓN DA VARIANTE DA POBRA DE SAN XIAO
No tocante ao tramo Monforte-Lugo, o proxecto estima un investimento de 343,9 millóns de euros en ata 51 contratos. Na actualidade, atópanse en fase de licitación o tratamento de pontes e túneles e a construción dun novo túnel no Oural, ademais da renovación da vía, sinalizacións, comunicacións, electrificación, beiravías e cruces. Tamén se están a licitar os contratos dos peches en zonas urbanas, a ampliación de gálibos, e do telemando de enerxía e subestación eléctrica.
En fase de proxecto está a supresión de 30 pasos a nivel neste tramo, e a ampliación da variante da Pobra de San Xiao.
Entre os detalles do proxecto, sinálase a «racionalización de estacións» en Barra do Miño, Os Peares, Santo Estevo do Sil, Canabal, Monforte, Rubián, Oural, Sarria e Laxosa para adecuar os andéns aos requisitos de interoperabilidade e accesibilidade. Ademais, en Canabal e Sarria construiranse pasos de permeabilidade urbana entre ambos lados da liña.•

O PP esixirá ao Ministerio que rectifique sobre a «inxustificada pretensión» de eliminar as variantes dos Peares-Canabal e Rubián

Os deputados por Lugo e Ourense no Congreso, Jaime de Olano, Celso Delgado, Ana Vázquez e Joaquín García, con alcaldes e representantes do PP na rolda de prensa ofrecida na estación de Monforte, o 20 de marzo. GP-PP

A presentación do proxecto de Adif para a liña Ourense- Monforte-Lugo foi criticada polos representantes de Lugo e Ourense do Partido Popular no Congreso dos Deputados. Trala convocatoria da Plataforma «Lugo Non Perdas o Tren», os deputados lucenses e ourensáns na Cámara Baixa anunciaron que esixirán ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a Adif que rectifiquen sobre a «inxustificada pretensión» de eliminar as variantes dos Peares-Canabal e Rubián, esta entre Sarria e Bóveda, que están previstas e comprometidas no plan presentado en Monforte.
Na rolda de prensa ofrecida na propia estación da cidade do Cabe, os populares criticaron que o Ministerio e Adif » “desprezan unha redución da viaxe entre Ourense e Lugo de 23 minutos, que rebaixaría o percorrido total a unha hora e permitiría que os lucenses viaxaran a Madrid en 3 horas e 20 minutos.
Os deputados nacionais lembraron que durante a etapa de Goberno do Partido Popular impulsouse a modernización desta liña «con decisións concretas», fronte ás «evasivas» da actual presidenta de Adif. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Case 140.000 quilos de residuos sanitarios de baixo risco foron tratados en Galicia na terceira onda da covid-19

Seguinte Nova

Monforte estrea a nova pista de skate no Parque da Compañía

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: