Sarria homenaxeou á súa poeta Xela Arias Castaño coa primeira exposición do Día das Letras Galegas 2021

• A escritora e traductora sarriá é a protagonista da gran cita cultural do galego neste ano
• A exposición itinerante, titulada “Aquela nena de Sarria”, recolle o periodo sarriao e lucense da vida de Xela

A mostra inaugurouse o 4 de marzo, aniversario do nacemento de Xela Arias, na Casa da Cultura de Sarria. Na imaxe, a nai de Xela, Amparo Castaño, acompañada polo escritor e editor Víctor F. Freixanes, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. GPXG

O Día das Letras Galegas 2021 ten nome de muller. A escritora e tradutora Xela Arias Castaño é a protagonista dos actos conmemorativos deste ano na gran festa do idioma galego. A axenda cultural arrancou en Sarria, vila natal da autora, o 4 de marzo, data na que Xela Arias tería celebrado os seus 59 anos. A Casa da Cultura da localidade xacobea acolleu a exposición “Aquela nena de Sarria”, organizada por Galicia Dixital e o Colectivo Exeria, coa colaboración da Consellería de Cultura, o Concello de Sarria e a Real Academia Galega.

MULLER INNOVADORA
Na apertura oficial desta mostra, asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o delegado territorial da Xunta na provincia de Lugo, Javier Arias, e o escritor e editor Víctor F. Freixanes, así como familiares da autora, como a súa nai, Amparo Castaño, e o seu fillo, Darío Gil Arias. García salientou a figura de Xela como “unha das voces máis destacadas” da literatura galega actual, e “unha das mulleres máis innovadoras da nosa cultura”.
A mostra, que fai un repaso pola infancia e primeira mocidade de Xela Arias en terras lucenses, amosa o seu vínculo co rural e co idioma galego, así como o seu empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Ademais dos doce paneis explicativos, a exposición vai acompañada por poemas elaborados polo alumnado dos institutos sarriaos Gregorio Fernández e Xograr Afonso Gómez, xunto a pezas escritas por poetas sarriaos e galegos. Destaca tamén o conxunto de Vilariñas, micropoemas con imaxes preparados por membros da Nova Poesía Guitírica para honrar a Xela Arias neste ano tan especial. A inauguración completouse co recitado de versos da autora sarriá a cargo das poetas Sonia Arias e Elena López, seguido unha interpretación musical da man de Eloi Caldeiro.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Arrancan as obras de mellora da estrada provincial entre Ferreira de Pantón e Escairón

Seguinte Nova

Financiación autonómica para revalorizar o patrimonio etnográfico de Bóveda

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: