A Xunta licitará este ano a redacción do proxecto completo da futura autovía Sarria-Nadela

• Núñez Feijóo supervisou o avance das obras da primeira fase entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro
• Este treito de autovía estará operativo en outono de 2022

Na visita, o 1 de marxo, de Feijóo ás obras da primeira fase da autovía de Sarria, estivo acompañado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. (Foto: DAVID CABEZÓN).

A futura autovía Sarria- Nadela está a avanzar na súa primeira fase, no treito entre a entrada ao centro da vila xacobea e A Pobra de San Xiao. O primeiro de marzo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, achegouse a comprobar os traballos nos que o Executivo autonómico está a investir máis de 25 millóns de euros. O mandatario galego salientou que o que será o primeiro treito da autovía Sarria- Nadela entrará en servizo en outono do vindeiro ano. Na súa visita ás obras, Feijóo aproveitou para anunciar que a Xunta licitará en 2021 a redacción do proxecto que implicará a conversión total deste corredor en autovía.

A PRIMEIRA AUTOVÍA AUTONÓMICA DA PROVINCIA DE LUGO
O treito no que se está a traballar ten unha lonxitude de 11 quilómetros, e foi escollido polos técnicos como prioritario para iniciar o desdobramento na que será a primeira autovía autonómica da provincia, libre de peaxe.
As obras implican a construción dunha nova calzada paralela á xa existente, pola marxe esquerda en sentido A Pobra de San Xiao. O resultado será un vial con dúas calzadas con dous carrís por cada sentido. Así mesmo, tamén se adaptarán os enlaces e os pasos inferiores, e se van repoñer os camiños de servizo afectados polo novo trazado.
A velocidade máxima da futura autovía será de 120 quilómetros por hora, e dadas as características deste tipo de vías, o percorrido poderá realizarse de xeito máis rápido, máis seguro e con máis comodidade, segundo destacaron os responsables autonómicos.

VALLAS REFORZADAS PARA FREAR A PRESENZA DE XABARÍS
Unha importante medida de seguridade será a instalación dunha valla reforzada a ambos lados da autovía, co fin de reducir os accidentes pola presenza de xabarís na calzada. A valla xa existente no lado dereito substituirase por unha nova.
Na súa visita ás obras, Núñez Feijóo salientou «o compromiso» da Xunta para seguir avanzando nas melloras nas comunicacións para unha mellor vertebración da provincia de Lugo. “Hoxe o 80% da poboación de Galicia atópase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións”, afirmou o mandatario galego, logo de apuntar que «nos peores anos da crise, a Xunta investiu 125 millóns no corredor Sarria-Monforte».•

• CORTES DE TRÁFICO OS MARTES E XOVES

A Xunta está a realizar cortes puntuais de tráfico no corredor de Sarria, para garantir a seguridade durante os traballos de conversión en autovía deste primeiro tramo. Os peches, para os dous sentidos, son os martes e os xoves laborables, entre as 13 e as 15 horas, e de forma ocasional, noutros días da semana previo aviso. A medida afecta aos enlaces do Páramo e A Pobra, Sarria norte-Morelle e Sarria centro- Paradela. A alternativa é a estrada LU-546 Nadela-Sarria-Monforte.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

García Comesaña hace un llamamiento a la prudencia aunque valora positivamente la evolución epidemiológica de Galicia

Seguinte Nova

O Círculo Saviñao acolle a primeira exposición individual do médico lucense Xesús Vázquez

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: