Os novos achados da escavación de Proendos converten a Sober nun emprazamento único na investigación sobre a Gallaecia romana

• Nesta área vén de localizarse o primeiro “horreum” romano con muros paralelos de Galicia

Vista do “horreum” ou celeiro atopado na escavación de Proendos, no que se aprecian claramente os muros paralelos que permitían conservar o cereal en mellores condicións. Este é un formato de “horreum” moi escaso no noroeste peninsular, xa que hai que ir a Portugal para atopar dúas manifestacións desta estrutura. Os restos de Proendos datan do Alto Imperio. GPCS

A escavación realizada na parroquia soberina de Proendos deixou resultados sorprendentes, que converten a Sober nun referente na arqueoloxía da antiga Gallaecia romana.
A finais de decembro, o Concello de Sober e a empresa Tempos Arqueólogos S.L., encargada dos traballos, presentaron os resultados das cinco sondaxes arqueolóxicas que se realizaron en Proendos ao longo do ano pasado.

O PRIMEIRO “HORREUM” ALTOIMPERIAL DE TODO O NOROESTE PENINSULAR
As tarefas, financiadas pola Consellería de Cultura, baseábanse na existencia, constatada por varios indicios arqueolóxicos previos, dun emprazamento romano de grandes dimensións nunha zona integrada na actual parroquia de Proendos. Desta volta, determinouse a existencia de dúas áreas de ocupación romana diferenciada. A máis antiga, datada no Alto Imperio, amosa restos dun “horreum” ou celeiro de grandes dimensións construído con muros paralelos, para ventilar ben e garantir unha mellor conservación do cereal. Segundo informaron os técnicos encargados da escavación, este tipo de estruturas son moi escasas no noroeste peninsular, xa que só están rexistrados dous na zona de Foz Côa, en Portugal. Ademais, a importancia do achado ten repercusión nun ámbito maior, xa que é o primeiro “horreum” de cronoloxía altoimperial de todo o noroeste peninsular, e o primeiro que se localiza en Galicia.

Outro dos achados realizados durante os traballos en Proendos é unha disposición construtiva en varias estancias de gran tamaño, con restos de mosaicos e evidencias dun hipocausto ou sistema de calefacción subterráneo. Este conxunto remonta á época do Baixo Imperio. GPCS

RESIDENCIA DE LUXO DE ÉPOCA DATADA NO BAIXO IMPERIO
O segundo achado de relevancia remonta á época do Baixo Imperio, e descríbese como un grande edificio noble que amosa elementos de luxo, como mosaicos, salas de baño e un hipocausto ou sistema de calefacción subterráneo. Os arqueólogos explicaron que este conxunto pasaría a converterse nun centro de produción de grandes cantidades de ferro ou cobre, ao quedar abandonado nos séculos V e VI d.C.
A escavación tivo como froito a recollida e rexistro de máis de 1.300 elementos, depositados no Museo de Viladonga, e que o Concello quere expoñer en Sober.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación de Lugo favorece a seguridade do tráfico durante todo o ano co mantemento da súa rede viaria

Seguinte Nova

Acondicionamento do firme e actuacións en emerxencias, eixos do plan de conservación das estradas da Deputación

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: