Crónica del sur de Lugo

Opinión: “Reflexionando como docente”, por Vicente Docasar

Vicente Docasar, Catedrático de Francés e Director do IES Daviña Rei (Monforte de Lemos)

“O noso país debe reflexionar sobre os seus resultados educativos. Un curso escolar vén de rematar, e como profesionais da educación témonos que preguntar se o noso país vai no bo camiño ou temos cousas que reconducir. Falamos de fracaso escolar, dos medios materiais dos centros, da motivación do profesorado, da falta de esforzo, da escasez de alumnos excelentes, da conflitividade nas aulas, da normativa educativa e da comparativa con outros lugares de Europa e do mundo… Pregúntome tamén que estamos a facer mal para que outros países do noso entorno económico e cultural obteñan mellores resultados ca nós…

Vaiamos por partes:

1º.-Educación Secundaria Obrigatoria.

Temos a necesidade de elevar o número de graduados/as nesta etapa educativa. Non debemos olvidar que estamos a falar do título mínimo que os nosos alumnos/as deberán de ter para non seren uns excluídos sociais. Seguramente os nosos alumnos terán que esforzarse un pouco máis. É posible tamén que a administración educativa teña que intensificar os reforzos e a atención á diversidade do noso alumnado, pero o que teño bastante claro é que o noso país non poderá soportar unha porcentaxe tan elevada de alumnos que rematen a súa etapa obrigatoria sen acadar o título de graduados en secundaria, e se convirtan en cidadáns de segunda.

2º.- Bacharelato.

Tamén nesta etapa temos marxe de mellora para homologarnos cos países da Unión Europea. O título de Bacharel convertirase en non moitos anos nun título bastante xeneralizado no noso entorno económico e cultural, cando non hai tantos anos estaba destinado ás elites das nosas sociedades. O actual Bacharelato debería ter claramente dous obxectivos ben diferenciados e complementarios:

A) Por una parte, ser un primeiro elo para chegar á Universidade.

B) Por outra parte, ser tamén a base para chegar á Formación Profesional de Grao Superior.

É posible que aínda moitos sigan a pensar que é exclusivamente a vía para chegar á Universidade, pero non nos engañemos, xa que as sociedades actuais necesitan tamén técnicos ben cualificados para que as nosas empresas poidan ser competitivas.

O Bacharelato actual ten evidentemente esas dúas posibilidades. As dúas son moi importantes, pero seguramente o noso actual sistema dificilmente poderá soportar que un 80% dos nosos bachareles aspiren a ir á Universidade e tan só un 20% queiran realizar estudos de Formación Profesional de grao superior. As cifras na Europa que conta economicamente son ben distintas: 50% / 50% ; 60% / 40%, segundo os diferentes países. Estes datos comparativos téñennos que facer reflexionar como sociedade.

3º.- Formación Profesional.

Actualmente, a formación profesional ten dous niveis claramente diferenciados:

– Formación Profesional de Grao Medio, ao remate da Educación Secundaria Obrigatoria.

– Formación Profesional de Grao Superior, ao remate do Bacharelato.

¿Que sucede na actualidade? Temos poucos alumnos/as que cursen os ciclos de grao medio, pois os alumnos/as que finalizan a educación secundaria Obrigatoria optan masivamente polo bacharelato: 80% // 20%. Temos tamén poucos alumnos/as que cursen os ciclos de grao superior, xa que a mentalidade da nosa sociedade é encamiñar os nosos estudantes cara á Universidade. En resumo, temos que conseguir elevar o número de titulados en educación secundaria obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional, pero distribuíndo de maneira máis racional as porcentaxes entre os diferentes estudos secundarios.

4º.- Alumnado

O sistema educativo leva destinado moitos recursos a nenos con dificultades académicas ( e iso paréceme ben ) , pero ténse olvidado dos alumnos máis brillantes do sistema ( e iso non me parece tan ben ). Un país necesita tamén coidar aos mellores, xa que están chamados a xogar un importante papel no futuro do noso país. Os profesores somos moi sensibles para apoiar aos máis febles, se traballan e se esforzan, pero solemos ser máis rácanos cando se trata de axudar aos alumnos excelentes. O TALENTO dos mellores é moi necesario, e os centros temos a obriga de coidalo. A nosa xuventude ten que ter moi claro ( a pesares da crise económica e as dificulades de acceder ao emprego ) que sen unha boa formación non terán futuro. Con formación, terán dificultades. Sen formación, simplemente non terán futuro. Pídolles tamén que aprendan idiomas e que viaxen. Abriralles as mentes e faralles ben. Ninguén pode garantirlles onde estarán as oportunidades laborais do futuro.

5º.- Papel das FAMILIAS

Non podía faltar nesta reflexión unha pincelada sobre o papel das Familias. Son fundamentais para o bo funcionamento do sistema. As familias teñen que colaborar intensamente cos centros e cos profesores, e non pelexar constantemente con eles. Da boa colaboración entre centros, familias e profesores sairán os froitos. Do enfrentamento, difícilmente sairá nada bo.

6º.- Conflitividade nas aulas

A nosa bisbarra é un lugar relativamente tranquilo para levar a adiante a tarefa de ensinar. Non temos alumnos conflitivos nin familias conflitivas ( aínda que pode haber algunha excepción) . Quero dicir, a pesares diso, que hai un principio ineludible para ensinar / aprender. Ese principio ten que ver co RESPECTO. Por iso pido a todos os colectivos implicados no sistema educativo (Alumnos, Familias e Profesores ) que o RESPECTO presida o día a día das nosas aulas : respecto entre alumnos, respecto entre profesores e alumnos e respecto entre familias e profesores.

7º.- ¿E os gobernantes?

Ós nosos gobernantes quero dicirlles que é moi importante dar ESTABILIDADE ao sistema educativo. Non é posible nin desexable cambiar as leis educativas cada vez que se cambia un goberno.

Os centros educativos, os profesores, os alumnos e as familias necesitamos un MARCO NORMATIVO ESTABLE para poder traballar. Non creo que sexa moito pedir. Están en débeda con nós.

A segunda cousa que quero pedirlles aos nosos gobernantes é que nunca olviden que os recursos que se poñen ao servizo da educación non son un GASTO senón unha INVERSIÓN. Un país non sofre por ter uns poucos quilómetros menos de autoestradas ou de liñas de ave, pero si sofre se recortamos os recursos que destinamos á formación da nosa xuventude. Teñan iso en conta e actúen en consecuencia.

8º.- Non quero rematar sen adicar unhas verbas aos meus compañeiros PROFESORES e PROFESORAS.

É o tempo das novas tecnoloxías, e non podemos obviar esa circunstancia. Temos que prepararnos ante ese reto e ter unha actitude positiva ante o mesmo. O contrario sería remar en dirección contraria. Probablemente non corren bos tempos para a nosa profesión. Pídesenos que sexamos profesores, coidadores, psicólogos… Pónsenos constantemente no candeeiro, critícasenos con dureza, pero non podemos caer no desánimo. Certamente, somos unha parte moi importante do sistema educativo. Necesitamos o APOIO e o RESPECTO DO CONXUNTO DA SOCIEDADE. Sen ese apoio a tarefa de ensinar faise francamente moi difícil. Non creo que sexa moito pedir, non sí?” •

1 Comment

  1. Un artículo interesante. Se hace un pequeño repaso al sistema educativo de nuestro país desde la óptica de un profesinoal de la educación. Me ha interesado el artículo y sus reflexiones.Las considero muy sensatas.

    JRLópez

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir a Inicio