A Feira de Amandi reinvéntase para seguir enxalzando a cultura do viño

•O gran evento enolóxico do sur lucense terá formato de Mostra, imitando o Túnel do Viño e destinado a profesionais

A presentación do Mes de Amandi e da XL Feira-Mostra do Viño de Amandi tivo lugar nos Pendellos de Cadeiras, o pasado 7 de novembro.

A irrupción da pandemia alterou as tradicións e os calendarios festivos, levando por diante citas históricas na zona sur da provincia. Moitos eventos cancelánronse polo primeiro estado de alarma, e quedaron en suspenso á espera de que mellorara a situación. No caso da Feira de Amandi, que tiña previsto celebrar a súa edición número corenta en abril, a alarma sanitaria impediu a gran concentración de público que sempre tivo esta festa, pero deixou marxe para seguir enxalzando o viño desta terra.

GUITIÁN: «NON QUEDA OUTRO REMEDIO QUE REINVENTARSE OU NON FACER NADA»
A organización da Feira de Amandi decidiu esgotar as posibilidades e «reinventarse» nun formato diferente á tradicional festividade enolóxica, para «seguir apoiando aos nosos adegueiros nun ano especialmente complicado para todos», segundo manifestou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián. O rexedor adiantou que este planteamento pode repetirse na edición do vindeiro ano, se as circunstancias non cambian. «Non queda outro remedio que reinventarse ou non facer nada», afirmou.
O formato da XL Mostra- Feira de Amandi será similar ao Túnel do Viño que xa funcionou con gran éxito nas últimas edicións da Feira da Rosca. Terá lugar no Hotel Pazo de Sober os días 5 e 6 de decembro, con actividades pensadas para profesionais do viño, como distribuidores, hostaleiros e xornalistas especializados. As medidas hixiénico- sanitarias aplicaranse en todo momento, tendo en conta ademais que o acceso é previa invitación.
Para o público en xeral, están destinadas as actividades do Mes de Amandi, coa particularidade de que poderán seguirse polas redes sociais cando as restricións sanitarias impidan a participación presencial.
Os escolares abriron a axenda cunha visita á restauración das pinturas murais de Lobios. Logo do showcooking no Restaurante Merenzao, inaugurouse a exposición cos traballos presentados ao concurso de carteis da XL Feira de Amandi.
A Escola de Hostalería de Sober acollerá varios eventos, como a presentación da IXP Mexillón de Galicia ao alumnado e profesorado do centro, e unha xornada de maridaxe deste produto con viños de Amandi. Ademais, a Escola elaborará en novembro diversos pratos maridados con estes viños. A cultura tamén terá o seu oco no Mes de Amandi. O xoves 19 ás doce da mañá presentarase na Rectoral de Amandi o libro «Ribeira Sacra, orixe e evolución da Denominación de Calidade», de José Mouriño. Así mesmo, o sábado 21 presentarase na Casa da Cultura de Sober o libro-disco de Xabier P. Vizcaíno. Xa o 27, voltará a gastronomía, co showcooking de Martín Mantilla, do Restaurante Berso de Sober.
Os cativos desfrutarán de dúas sesións das Merendas con Contos da Biblioteca vinculadas á cultura do viño. O venres 27 publicaranse os gañadores do concurso infantil de debuxo da Feira de Amandi, e ás seis da tarde haberá teatro familiar na Casa da Cultura. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentan en Lugo unha tese doutoral sobre a raza do porco celta

Seguinte Nova

Asoporcel activa a campaña “100% Nosa” para promover a raza do porco celta

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: