Monforte eliminará barreiras de acceso aos equipamentos municipais

Tomé anunciou un plan global que destinará 295.000 euros para resolver a accesibilidade a edificios públicos e parques

Presentación do plan municipal de accesibilidade de Monforte, a cargo do alcalde, José Tomé, e a tenente de alcalde, Gloria Prada, o 2 de novembro.

A comezos de novembro, o Concello de Monforte deu a coñecer o Proxecto de Mellora da Accesibilidade Universal, un documento que recolle a situación na que se atopan os accesos a edificios e espazos de titularidade municipal, e as medidas necesarias para resolver os obstáculos e barreiras detectadas.

ATENDER ÁS NECESIDADES DA CIDADANÍA
Dende o Consistorio, o alcalde, José Tomé, detallou o contido deste plan, que conta cunha partida orzamentaria de 295.108 euros. O rexedor cualificou este documento como “unha aposta decidida e continua do Concello de Monforte coas persoas con discapacidade, con dificultades de mobilidade ou de idade avanzada”. Tomé salientou que as medidas contempladas no proxecto teñen en conta “as necesidades de todos estes colectivos e das carencias históricas dende fai anos” que se detectan nalgúns espazos municipais.

FACER DE MONFORTE UNHA REFERENCIA EN ACCESIBILIDADE
O rexedor desglosou os obxectivos deste proxecto, enmarcados na mellora da calidade de vida da cidadanía. As vantaxes das accións recollidas no documento non só garantirán o acceso a todos os equipamentos municipais, senón que tamén influirán positivamente no deseño urbano da cidade. De feito, o documento sinala que as medidas previstas van rexenerar e revitalizar o entorno urbano, ademais de mellorar os espazos libres públicos e favorecer o deseño urbano a escala humana. Como consecuencia, Monforte converterase nun concello de referencia en materia de accesibilidade.

ESPAZOS CULTURAIS, ADMINISTRATIVOS E DEPORTIVOS
Na relación de edificios analizados no proxecto presentado, atópanse espazos de uso cultural e turístico, como a Casa da Cultura, o Centro do Viño ou o Edificio Multiusos. Así mesmo, tamén se contempla a revisión de inmobles como a propia Casa Consistorial, o Centro Cívico do Malecón, As Casitas da Compañía, e a Praza de Abastos, ademais da Gardería Municipal. No eido deportivo, revisaranse os accesos aos campos de fútbol da Pinguela e Luís Bodegas, o pavillón polideportivo da Pinguela e a piscina municipal.

ACTUACIÓN EN CATRO PARQUES
En canto aos parques, o documento inclúe os situados na Compañía, a rúa A Pinguela, El Vivero e A Florida.
O calendario de actuacións priorizará os arranxos máis urxentes, empezando pola Casa Consistorial, e seguindo polo Centro do Viño, Polideportivo A Pinguela, Piscina climatizada, Praza de Abastos, Edificio Multiusos, Centro Cívico, e Casa da Cultura. Despois, abordaranse os parques e As Casitas, e en último lugar os dous campos de fútbol municipais. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

PERSOAL DE SUBSTITUCIÓN SEN CUSTES PARA GRANXAS CON TRABALLADORES EN CORENTENA.

Seguinte Nova

Asinado o convenio entre o Concello e a Xunta para as axudas á rehabilitación en Monforte

Últimas noticias sobre INFRAESTRUCTURAS

A %d blogueros les gusta esto: