Galicia reforza as restricións nos 60 concellos con maior incidencia epidemiolóxica con novas medidas, entre eles Monforte

Estarán permitidos o 100% dos movementos para ir a traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comparece para dar conta das medidas acordadas no comité clínico. Santiago de Compostela, 04/11/20.

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comunicou as medidas acordadas trala reunión do comité clínico, entre as que avanzou o reforzo das restricións nos 60 concellos con maior incidencia epidemiolóxica con novas medidas que entreterán en vigor desde as 15,00 horas do venres 6 de novembro.

Baixo a previsión de que as novas limitacións, que afectarán aproximadamente ao 60% da poboación, estean vixente un mes, “sempre coa avaliación constante do comité”, Feijóo precisou que estas se poñerán en marcha nas cidades e nos perímetros que as conforman como zonas de influencia, así como en concellos puntuais cunha tendencia á alza significativa na incidencia acumulada e no número de casos nos últimos 7 e 14 días.  

Deste xeito, as cidades e zonas que terán maior restricións serán: A Coruña, xunto con Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; o concello de Lugo en solitario; Santiago con Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Ferrol, con Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos; Ourense, con Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Toén; Pontevedra, con Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior; Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.

A maiores, tamén terán as mesmas restricións os concellos con taxa de incidencia acumulada a 14 días superior a 200 casos por 100.000 habitantes, e tendencia ascendente na notificación dos mesmos: Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Así, en todas estas zonas, estarán permitidos o 100% dos movementos para ir a traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios. E o comercio funcionará cos mesmos criterios do resto de Galicia.

Así mesmo, pechará a hostalaría, agás o servizo a domicilio e para recollida que si se poderá ofrecer; a práctica deportiva quedará restrinxida a deporte individual; e reducirase o aforo en establecementos culturais, que con esas limitacións poderán seguir funcionando –cines, teatros, auditorios, e outros recintos de público sentado poderán ocupar o 50% de cada sala, cun límite de 30 persoas en interior e 75 en exterior–.

Haberá tamén restricións de mobilidade, é dicir, non se poderá entrar nin saír destas áreas, agás por razóns laborais e actividades esenciais. “E redúcese o aforo no transporte público non escolar: o transporte urbano contará cun máximo do 50% dos asentos e co 25% do aforo de pé; e o transporte interurbano co 50%”, avanzou, subliñando que o transporte escolar queda garantido, toda vez que os asentos están asignados desde o principio de curso.

Novas medidas para toda Galicia

Ademais das restricións nestas zonas, o presidente da Xunta avanzou a implantación doutras medidas que afectarán a toda Galicia, como son: a limitación das saídas de usuarios fóra das residencias, preservando de momento as visitas dos familiares nas condicións de distanciamento e hixiene establecidas desde hai meses; e o incremento das limitacións de aforo en grandes establecementos comerciais, de xeito que nas zonas comúns só poderá ocuparse un terzo do máximo –nas tendas, continúa o aforo do 50 % como ata agora–.

“Estas son as medidas que nos dita o comité clínico e que imos aplicar polo ben común dos galegos”, dixo, incidindo en que o que toca para tentar conter e, se é posible, reverter a evolución da pandemia, é seguir redobrando os coidados, a precaución, a alerta e tamén seguir insistindo nas restricións.

“Toca ampliar as limitacións pola nosa saúde e pola saúde dos nosos. Pero tamén toca facelo pola economía, porque canto máis se tarde en actuar, máis difícil e longa será a contención e máis profunda, por tanto, a afectación económica”, abundou.

Sobre este último punto, anunciou que mañá, no Consello da Xunta, o Goberno galego avaliará novas medidas de apoio ao sector da hostalaría e aos seus traballadores, que son “os que máis afectados se ven polas limitacións”.

O presidente do Executivo galego concluíu agradecendo unha vez máis aos galegos a súa responsabilidade, amosada desde o primeiro momento da pandemia.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Descende o número de novos contaxios en Galicia

Seguinte Nova

A hostalería de Monforte envía un dramático S.O.S. ante o peche obrigatorio dun mes pola pandemia

Últimas noticias sobre SALUD

Publicidade

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Recomendacions-sobre-coronavirus

A %d blogueros les gusta esto: