Crónica del sur de Lugo

Medio Rural presenta en Lugo o proxecto da nova Lei de Montes

Redacción- Monforte

A cidade de Lugo, capital da provincia que representa a terceira parte da superficie forestal de Galicia, acolleu a presentación do proxecto da nova Lei de Montes promovida pola Xunta, e que pretende fomentar a xestión forestal a partir dun aproveitamento sostible e integral da súa riqueza. As características do borrador desta lei foron explicadas na sede da Delegación Territorial da Xunta en Lugo nun acto que contou coa presencia do conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez e o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, acompañados pola delegada territorial en Lugo, Raquel Arias.

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, durante a presentación do proxecto da nova Lei de Montes. EC

ÁREAS REGULADAS POLA NOVA LEI

Segundo explicaron os responsables de Medio Rural, esta norma ten por obxecto establecer un réxime xurídico estable que se adecue á realidade galega, e dea resposta ás continuas demandas formuladas polos axentes vinculados ao eido forestal. Esta lei detalla polo miúdo as competencias das administracións públicas; clarifica o réxime xurídico dos montes e a propiedade forestal; impulsa instrumentos de planificación forestal a través dos PORF (Plans de Ordenación dos Recursos Forestais); define os distintos tipos de aproveitamentos do monte e regular as infraestruturas forestais e a cadea monte-industria. Tamén contempla os aspectos relativos ás accións e instrumentos de fomento forestal (SOFOR), así como os recursos cinexéticos forestais, a defensa fitosanitaria e a educación, divulgación, formación e investigación, co fin de pór en valor a importancia deste sector para Galicia, como primeira potencia forestal de España e unha das máis importantes de Europa.

DISTANCIAS MÍNIMAS POR LEI

Entre as particularidades que incorpora o borrador da nova Lei de Montes, os responsables de Medio Rural sinalaron que por vez primeira se incorporan nunha única disposición as distancias mínimas que teñen que cumprir as novas repoboacións forestais respecto doutros cultivos e de fincas, edificacións e instalacións. Asimesmo, nesta lei incorpóranse dous anexos nos que se relacionan as especies forestais de crecemento lento. En canto á propiedade, o borrador da Lei de Montes establece límites ás parcelacións, divisións ou segregacións, de tal xeito que non se poderán realizar nin autorizar cando o resultado sexan parcelas de superficie inferior a 15 hectáreas. En canto á actividade forestal, a lei concreta este concepto ao tempo que establece queas modificacións entre os usos forestais e agrícolas son consideradas como cambios de actividade. Asimesmo, en terreos forestais afectados por incendios non se poderá producir un cambio de uso nun periodo de 30 anos. Outras das medidas incluidas no borrador desta lei é a fixación dos PORF, e establécese o instrumento de ordenación como obrigatorio para todos os montes. Asimesmo, consolídase o marco legal para as SOFOR como entidades mercantís que agrupan dereitos de uso e aproveitamento de parcelas, e que serán obxecto dunha xornada formativa a celebrar en Monforte o día 20 de xullo na Escola Agraria.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio