Máis traballos de rehabilitación para dar pulo á riqueza cultural da Ribeira Sacra

A Consellería de Cultura licitou por case 200.000 euros os traballos de restauración do Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo

Imaxe do claustro dentro do conxunto monumental do Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, que conta coa categoría de Ben de Interese Cultural. GPXG

A Xunta vén de activar unha nova intervención no patrimonio monumental da Ribeira Sacra. No mes de setembro, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade licitou os traballos de restauración do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, por un importe de 188.355 euros.

MEDIEVAL CON ELEMENTOS POSTERIORES DA IDADE MODERNA
Este enclave patrimonial remóntase a un cenobio familiar da Alta Idade Media. A construción do conxunto cisterciense, que incorpora mosteiro e claustro máis igrexa de planta basilical sen cruceiro, sitúase entre finais do século XII e comezos do XIII. Xunto a estes elementos medievais, identifícase claramente un segundo grupo de intervencións correspondentes á Idade Moderna.

EXECUCIÓN EN TRES MESES
O proxecto está cofinanciado con fondos FEDER, e vai dirixido a preservar diversos elementos singulares da edificación, na que está situada ademais a oficina de turismo municipal. A Xunta asinou un acordo de colaboración coa Diócese de Ourense e o Concello de Xunqueira de Espadanedo para poder levar a cabo estes traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses a partir da súa adxudicación.

ARRANXOS NAS ESCALEIRAS DA ZONA PORTICADA
Segundo explicaron dende Cultura, o proxecto vai dirixido a eliminar problemas de humidade, así como a resolver algunhas solucións construtivas máis recentes. En concreto, vaise actuar no acabado das escaleiras da zona porticada correspondente á oficina de turismo e na fachada norte.

MENOS HUMIDADES RECUPERANDO NO POSIBLE O SISTEMA ORIXINAL DE DRENAXE
Así mesmo, levaranse a cabo accións para eliminar humidades nas fachadas norte e leste da igrexa.
En canto ao exterior do recinto, revisaranse as drenaxes do adro e se deixará ao descuberto zonas enterradas da fachada, para proceder ao seu axardinamento. Ademais, vaise eliminar a vexetación do pavimento e estudar o sistema orixinal de canalizacións, co fin de recuperar o percorrido natural das escorrentías, evitando que afecten ao inmoble.

ACCIÓNS NA IGREXA E NA BIBLIOTECA
Haberá tamén intervencións no claustro acristalado do mosteiro, no que se van substituír os vidros rotos ou deteriorados, e se modificará o sistema de portas de vidro por outra solución que garanta a ventilación da parte superior. Procederase á revisión da cuberta da igrexa, ademais de substituír o revestimento da fachada da biblioteca. No interior, vaise recuperar a viga policromada do coro, con intervencións que garantan o seu mantemento e recuperación.
A Xunta ten en marcha intervencións no patrimonio da Ribeira Sacra, por máis de un millón de euros. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O CONCELLO DO SAVIÑAO RENOVARÁ O MIRADOIRO DO CABO DO MUNDO

Seguinte Nova

A Vicepresidencia da Deputación colaborará na ampliación do Museo do Pobo Galego

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: