Un documental e unha mostra fotográfica compoñen en Monforte o retrato humano do Camiño de Inverno

O proxecto audiovisual do cineasta monfortino Manuel Valcárcel Cabo “Piro” está exposto na Casa da Cultura ata o 28 de setembro

A concelleira de Cultura, Marina Doutón, xunto ao alcalde, José Tomé, e a tenente de alcalde, Gloria Prada, na inauguración do proxecto audiovisual co seu autor, o cineasta monfortino Manuel Valcárcel Cabo «Piro», o 3 de setembro. GPCM

A promoción do Camiño de Inverno a través do retrato dos seus protagonistas, os peregrinos, é un dos obxectivos do proxecto audiovisual que inaugurou o 3 de setembro na Casa da Cultura de Monforte. Baixo o título “Peregrinos a Santiago de Compostela polo Camiño de Inverno ao seu paso por Monforte de Lemos”, o cineasta monfortino Manuel Valcárcel Cabo “Piro” recolle a testemuña persoal de caminantes de paso por esta ruta xacobea, en formato entrevista e tamén a través da fotografía. As vivencias dos peregrinos constitúen o fío condutor da mostra, mesturados con escenas singulares da peregrinación e con motivos patrimoniais ou etnográficos deste itinerario. O proxecto foi promovido polo Concello de Monforte de Lemos coa colaboración do Xacobeo 2021, a través do programa “O Teu Xacobeo”.

ENTREVISTAS A PEREGRINOS DE VARIOS PUNTOS DE ESPAÑA E DO ESTRANXEIRO AO SEU PASO POR MONFORTE

O proxecto consta dunha peza audiovisual e unha exposición fotográfica. A curtametraxe documental, cunha duración de 15 minutos, narra o descubrimento que fan de Monforte e da súa contorna os peregrinos que percorren o Camiño de Inverno, ao tempo que explican a súa experiencia persoal ao longo deste roteiro. Os pases do documental son cada hora, dende as 10:00 ata as 13:00 horas, e pola tarde, dende as 16:00 ata as 20:00 horas.

MONFORTE, UNHA PARADA GRÁFICA DENTRO DO CAMIÑO DE INVERNO

O resumo deste traballo audiovisual quedou plasmado nunha colección de 10 fotografías, nas que se visualizan momentos especiais desta experiencia creativa, xunto a fermosas perspectivas do patrimonio cultural e monumental de Monforte de Lemos. A exposición está aberta de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A ITV para tractores estará en Bóveda do 16 ao 18 de setembro

Seguinte Nova

Quiroga estreará este mes a primeira Unidade de Atención Temperá do sur de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: