O comercio e a hostalería únense en Chantada

A Asociación de Comerciantes impulsa varias iniciativas contra a caída do consumo e marcada polos recortes nas subvencións

Redacción -Chantada

A integración dunha parte do sector hostaleiro chantadino na Asociación de Comerciantes e Empresarios do municipio- AECH- está a dar froitos como a terceira edición do Concurso de Tapas de Chantada, que está a ter este ano unha aceptable participación, en consoancia coa maior cantidade de recursos que a asociación dedica nesta ocasión ao evento. Trátatase dunha forma máis de fomentar o negocio dos locais e ao mesmo tempo recuperar a tradición do “tapeo” na vila do Asma.

Participan un total de once locais hostaleiros, unha cantidade lixeiramente menor que nos anteriores concuros, pero o suficientemente representativa e implicada coa elaboración das tapas na meirande parte dos casos. O presidente de AECH, José Manuel Lage, ten constancia de que certos bares están a vender unha cantidade moi importante de tapas e valora positivamente esta iniciativa. Precisamente un dos logros que se apunta a actual directiva de AECH é o de conseguir que se integraran nela unha maior cantidade de empresarios da hostalería, tendo en conta que se trata do gremio máis numeroso dos negocios de Chantada. En nesta implicación tivo moito que ver precisamente a organización do primeiro concurso de tapas.

Sen embargo, a directiva dos comerciantes convida a que se sumen a totalidade das empresas do sector. Un dos proxectos ou desexos que sinala Lage é a creación dunha comisión de hostalería dentro da propia asociación co fin de que “eles mesmos leven a cabo as súas accións e discutan as súas problemáticas, porque se trata dun sector moi específico”. Dende a directiva afirman estar dispostos a tenderlle unha man poñendo á súa disposición os recursos do colectivo nesa dirección.

CAMPAÑA DE VERÁN

Por outra banda tamén está en vigor outra inicitativa, a que deica as festas patronais permitirá que os consumidores sigan sendo premiados semana a semana con vales de 100 euros a través do sorteo da Campaña de Verán. Nela participan boa parte dos comercios asociados, aínda que en menor medida que o pasado ano debido ao axuste de gastos obrigado pola crise. Os tempos están difíciles para todos e máis ca nunca hai que idear actividades que estean encamiñadas ao fomento do consumo local, a pesar de que os comerciantes teñan que facer unha aportación económica extraordinaria para campañas coma esta. As cotas mensuais de 6 euros están moi lonxe de substentar por si soas actividades deste tipo.

Local de viños no casco histórico de Chantada. EC

FINANZAMENTO

A directiva dos comerciantes sostén que actualmente é imposible levar adiante ningunha actividade en común sen o apoio económico das administracións, xa que as cotas son insuficientes e por iso se baralla a posibilidade de prantexar un incremento cando a conxuntura económica sexa algo máis favorable. Hoxe son dúas as persoas contratadas por AECH para levar adiante a xerencia e as campañas de promoción do comercio. Pero, os plans de austeridade das diversas administracións públicas cos conseguintes recortes orzamentarios están a facer mella neste tipo de asociacións en toda a comunidade autónoma. En Chantada, este factor fixo que non se puidesen levar a cabo algúns proxectos debido a anulación ou recorte dalgunhas partidas encamiñadas a subvencionar determinados conceptos.

Proxectos concretos como a edición dunha guía do comercio ou a implantación dun sistema de fidelización seguen na carteira da directiva para o futuro por falta de recursos económicos suficientes. O sistema de fidelización consistiría na creación dunha tarxeta para o consumidor local que premie as compras acumuladas a través de descontos nos establecementos do municipio. As ideas que están sobre a mesa son varias e ademáis das campañas habituais prantéxanse outras iniciativas de cara ao futuro como un espazo específico do comercio de Chantada na televisión local para informar e promocionar o sector. O obxectivo sería espallar a filosofía de que “é importante comprar na vila para que o comercio funcione porque é un sustento esencial da economía do pobo, que non reside só no sector primario”, apunta Lage.

PERSPECTIVAS DE FUTURO

A crise económica é unha problemática moi importante que parece que vai estar aí por un bo periodo e tempo “ e da que sairemos todos xuntos” subliña o representante do colectivo de comerciantes. A pesar de que o verán significa un certo repunte para a economía, témese que ao pasar esta tempada se regrese a unha certa apatía económica. A solución pasaría polas políticas xerais de fomento do crecemento económico do interior de Galicia, e o apoio que se precisa é nesa liña, comenta o presidente, que apela ao impulso dunha certa actividade industrial e un cambio de sentido nas medidas que tradicionalmente están unicamente polo crecemento do litoral galego. “Hai que facer políticas no sentido de que o crecemento sexa un pouco máis equitativo”, opina Lage, no senso de que actualmente só se pode contar practicamente de xeito exclusivo cos recursos propios, que a nivel local son cada vez máis limitados.

É dificil avaliar si a crise económica está a repercutir de maneira salientable no peche de negocios na vila, a tendencia é que sí produciu a clausura dun tímido número de pequenas empresas ao tempo que se viu compensada coa apertura dalgunha outra nos últimos tempos, pero en ningún sector en especial.

III Concurso de tapas de Chantada

O Concurso de Tapas encamiñado a dinamizar a actividade hostaleira está xa en marcha, nel participan 11 establecementos (Bar Plaza, Cafetería Manix, Bar Parada, Bar Alborada, Capitol, Bar Centro, O Casino, Mesón O Cantón, Café Bar Penela, Cafetería Miño e Café bar O Candil). Será un xurado especializado, no canto do xurado popular, quen decida cal é a mellor tapa tradicional e a mellor tapa innovadora. Sen embargo, ademáis dos hostaleiros, a clientela recibirá premios por cada seis tapas consumidas. Nesta ocasión creouse, como novidade, a categoría de “mellor tapa dixital”, que se votará a través de Facebook e tamén o “Pequechef”, unha actividade para que os máis pequenos aprendan a cociñar unha tapa sinxela. O concurso desenvolverase de xoves a domingo durante todo xullo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sarria acoge el Campus Baloncesto no Camiño

Seguinte Nova

José Blanco, ministro de Fomento y flamante portavoz del Gobierno, habla en exclusiva para EC

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: