Crónica del sur de Lugo

Resolto o concurso do novo logotipo de Sober entre máis de 100 traballos

Proceso de creación e xustificación do logotipo gañador, presentado por Esteban Carbajo Gómez. GPCS

O Concello de Sober xa conta cun logotipo, moderno e representativo da identidade local, que completará ou substituirá ao escudo oficial na papelería e material promocional da institución. Para escoller este distintivo, o Concello convocou un concurso, do que resultou gañador Esteban Carbajo Gómez, residente na localidade pontevedresa de Nigrán, e que recibirá 500 euros como premio.

Esteban Carbajo Gómez, gañador do concurso para o deseño do logotipo que identificará ao Concello de Sober. (Foto: CEDIDA GPCS).

REINTERPRETACIÓN DO ESCUDO, CO VIÑO E O ROMÁNICO COMO PROTAGONISTAS
Segundo a explicación presentada polo autor, o logotipo está deseñado sobre dous elementos, para recoller nunha única imaxe a esencia deste territorio. Por unha banda, o autor reinterpretou o escudo oficial de Sober, do que tomou o fondo de cor azul e o acio de uvas, motivo que representa a fonda identidade vitivinícola deste municipio. Por outra banda, o deseño centra a atención sobre a letra S, inicial do nome de Sober, e resolta a partir dunha caligrafía capitular románica, co que se incorpora o elemento artístico e patrimonial que caracteriza ao concello.

“ALTO NIVEL” DOS TRABALLOS
O concurso levantou gran interese, como proban os máis de 100 traballos de “alto nivel”, segundo afirmaron dende o Concello. Os 85 participantes enviaron deseños dende as catro provincias galegas, do resto de España e incluso do estranxeiro. O xurado estivo composto polo deseñador gráfico e licenciado en Belas Artes, Humberto Loureiro; a responsable da Oficina de Turismo, Maryfe Martínez; e a responsable de Prensa do Concello, Silvia Pena.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

     
Ir a Inicio