Crónica del sur de Lugo

Unha proxección en Cereixa abriu o ciclo de estreas comerciais ao aire libre pola provincia

• A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación promove esta iniciativa, que achega o máis recente cine en galego a once vilas lucenses

Sesión de cine ao aire libre en Cereixa, parroquia de A Pobra do Brollón, coa que arrancou o 20 de xullo o ciclo de proxeccións ao aire libre de películas galegas recén estreadas. GPVDL

A Pobra do Brollón segue a protagonizar a axenda cultural no sur lucense, desta volta cun evento adicado ao cinema galego. A película sobre a personaxe de María Soliña, unha canguesa do século XVII que morreu a mans da Inquisición acusada de bruxería, proxectouse nunha sesión vespertina de cine e cultura, celebrada a carón da igrexa de Cereixa o pasado 20 de xullo.

O evento forma parte do ciclo de cine ao aire libre que promove a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, co que trata de dar a coñecer as estreas comerciais por varias localidades da provincia.

SIMILITUDE ENTRE MARÍA SOLIÑA E A GUÍMARA MARÍA CASTAÑA, NA SÚA RESISTENCIA FRONTE AOS PODEROSOS

Como entrante ao visionado da película, dirixida por Ignacio Vilar, tivo lugar un pequeno coloquio sobre a historia desta personaxe, tendo en conta que o filme se estreou no berce doutra muller senlleira na historia de Galiza, María Castaña, nacida na parroquia de Cereixa. Da vinculación entre estas dúas figuras femininas falou o arqueólogo e historiador Xurxo Ayán, acompañado por Vilar e por unha das actrices protagonistas da película, Laura Míguez. No evento tamén participou o deputado Efrén Castro, que salientou a necesidade “de apoiar a creación artística en galego” a través de “canles de distribución que permitan chegar a público de todo o territorio”.

A película plantea a chegada a Cangas do Morrazo dun afamado director, que quere reconstruír no teatro a historia de María Soliña. A protagonista da obra de teatro actual vivirá nas súas carnes, catro séculos despois dos feitos históricos, ecos das agresión padecidas por María Soliña na súa época.

Dentro do ciclo de proxeccións que organiza a Vicepresidencia da Deputación, a película “María Soliña” proxectarase no Corgo, Meira e Vilalba. En agosto, está previsto o seu visionado en sesións ao aire libre en Guitiriz, Becerreá, Monterroso, O Valadouro e Outeiro de Rei.

A proxección en Cereixa contou coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón e a Asociación Veciñal María Castaña.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
Ir a Inicio