O coronavirus deixa a Monforte sen Patronais

A “responsabilidade sanitaria cos monfortinos” levou ao alcalde a suspender as Festas de agosto, unha decisión “moi difícil e dolorosa”

O alcalde de Monforte, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, no anuncio da suspensión das Festas Patronais, o pasado 20 de xullo. GPCM

Monforte afronta un agosto sen Festas Patronais. A pandemia vén de causar outro oco sen precedentes na historia festiva da cidade do Cabe, que xa tivo que renunciar á concorrida Feira Medieval na fin de semana de Pascua. O alcalde, José Tomé, fixo pública a decisión “moi difícil e dolorosa de tomar”, tendo en conta que o impulso das Patronais como un dos distintivos de Monforte “foi un dos piares do noso traballo en materia de Cultura”.

PREVENCIÓN TOTAL PARA NON POÑER EN RISCO Á VECIÑANZA CON EVENTOS GRANDES OU PEQUENOS

Tomé insistiu en que a supresión de todo tipo de eventos, agás a ofrenda á Virxe e os Fogos de San Vicente, baseouse “na responsabilidade sanitaria cos monfortinos e monfortinas”. O rexedor socialista argumentou que a proximidade de varios rebrotes na provincia, “algún con certa proximidade”, en referencia aos de Vilalba e Monterroso,  fai prudente a anulación dun programa festivo que atrae a moitos visitantes. Deste xeito, o Goberno local opta de xeito decidido pola prevención: “non queremos que os veciños e as veciñas de Monforte corran ningún risco motivado pola celebración dalgún evento” nin grande nin pequeno que estea “organizado polo Concello”, asegurou o alcalde.

O PROGRAMA DAS PATRONAIS DESTE ANO, EN SECRETO ATA QUE SE CELEBRE EN AGOSTO DE 2021

A pandemia botou un pulso ao Goberno local, que en todo momento estivo artellando alternativas segundo evolucionaba a situación sanitaria. O programa das Festas Patronais estaba pechado, como vén sendo habitual nos últimos anos, a comezos de ano. “Tiñamos os cinco concertos e as orquestras que os ían acompañar, e a actuación do día do pregón na Praza de España”, con todas as citas confirmadas nun programa que prometía ser “moi potente, para manter o nivel dos últimos anos cunha grande capacidade de atracción de público”, explicou Tomé. A declaración do estado de alarma fixo que o Goberno local suspendera todo o programa, pero adquirindo o compromiso de manter o mesmo calendario para 2021. Por este motivo, o alcalde non revelou o nome dos artistas nen das orquestras contratadas, que se manteñen xa para a cita do vindeiro ano, e que se darán a coñecer oportunamente.

INTENTO ATA O FINAL DE TER UNHAS FESTAS ADAPTADAS Á REALIDADE SANITARIA

Con todo, a intención do Goberno local foi tratar de ofrecer uns festexos axeitados á nova normalidade. Unha vez que se decretou a alarma sanitaria, o equipo de Goberno comezou a deseñar unhas Festas Patronais alternativas, a base de pequenos concertos, actividades infantís e espectáculos de rúa espallados polos barrios. Deste xeito, segundo explicou o alcalde, o Concello axudaría á reactivación do sector da hostalería e do comercio, atraendo visitantes do turismo interior, e evitando desprazamentos masivos e grandes concentracións de xente.

MISA E OFRENDA CON MENOS PÚBLICO, E FOGOS DE SAN VICENTE

Finalmente, o Goberno local decidiu suspender calquer evento festivo. Só se manterán a misa na honra da Patroa de Monforte, que se celebrará o 15 de agosto ás 11:00 na igrexa da Régoa. O conxunto da Corporación partirá dende o Campo de San Antonio ás 10:45, e coma sempre fará o traxecto a pé ata o templo. Haberá reducións de aforo na procesión e na ofrenda floral, reservada para os membros da Corporación local e a Confraría das Camareiras da Virxe. Para evitar concentracións de persoas, determinarase un perímetro de seguridade en torno á imaxe da Virxe de Montserrat.

O outro evento que se mantén do programa orixinal das Festas Patronais será o espectáculo pirotécnico dende o Monte de San Vicente. Á medianoite do 15 de agosto, comezarán estes fogos, que terán unha duración algo superior e serán máis intensos que en anos anteriores.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Piden que a Ruta do Miño sexa declarada de Interese Municipal

Seguinte Nova

Unha proxección en Cereixa abriu o ciclo de estreas comerciais ao aire libre pola provincia

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: