Piden que a Ruta do Miño sexa declarada de Interese Municipal

A Asociación Veciñal do Saviñao defende o valor desta ruta de máis de 36 quilómetros, a máis longa da Ribeira Sacra e a primeira que foi sinalizada no municipio

Natureza, historia e etnografía danse a man na Ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, cuxo recoñecemento como Elemento de Interese Municipal demanda a Asociación Veciñal do Saviñao. (Cedida: AVS)

Os veciños do Saviñao queren poñer en valor a Ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, un percorrido singular para o que reclaman a súa consideración como elemento de Interese Municipal. Esta foi a petición que trasladou ao Goberno local a Asociación Veciñal do Saviñao, nun escrito no que enumeran as características culturais, paisaxísticas e lúdicas dun itinerario que transcorre por este Concello e polo de Pantón, ademais de ofrecer estupendas vistas de Chantada e Carballedo. O recoñecemento por parte do Pleno municipal serviría, segundo este colectivo, para “dar visibilidade aos mellores valores do noso municipio”, ao tempo que “se fortalece e reforza” a sectores como o turismo, a hostalería, ou a vitivinicultura. A figura de Elemento de Interese Municipal permitiría garantir o mantemento e promoción desta Ruta, e axudaría á captación de subvencións institucionais coas que financiar ditas tarefas.

Dende a Asociación argumentan que a Ruta, homologada como PR-G 162, está rexistrada en páxinas web de referencia, como a da Axencia de Turismo de Galicia, na do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e na da Federación de Montañismo, así como no portal internacional de sendeirismo Wikiloc.

O colectivo veciñal tamén xustifica a súa petición no número de visitantes, en torno aos 600, que percorren esta ruta cada ano. No escrito, os representantes da Asociación aclaran que estes datos son “estimacións feitas tendo en conta só os contactos que mantemos con grandes grupos de sendeirismo que nos visitan”, en referencia a Acivro, Rutea, Galicia Sendeirismo e Pena Trevinca, entre outros. Estes grupos contactan con frecuencia coa Asociación Veciñal do Saviñao para solicitar información sobre aloxamento, restaurantes e transportes, “o que redunda notoriamente na economía da zona”. Dende o colectivo veciñal destacan que, a esta cifra de visitantes, habería que engadir “as visitas feitas en grupos pequenos”, das que non teñen datos concretos.

A relación de méritos coa que xustifican que esta Ruta sexa Elemento de Interese Municipal complétase co documento publicado recentemente pola Xunta. En febreiro, o Diario Oficial de Galicia publicou a relación de elementos que integran a Área de Especial Interese Paisaxístico Ribeira Sacra, “na que inclúe esta ruta de sendeirismo no concepto de Valor Panorámico”, consideración da que só gozan catro itinerarios en toda a Ribeira Sacra.

PAISAXE VITÍCOLA, FLUVIAL E DE BOSQUE AUTÓCTONO

A Ruta ofrece un percorrido variado no que á natureza se refire, pasando pola aba da ribeira do Miño e pola paisaxe típica da denominada “viticultura heroica”, coas muras e socalcos nos que se produce o viño da Ribeira Sacra. Ademais, este itinerario permite contemplan os bosques centenarios formados por especies autóctonas. A paisaxe fluvial desta Ruta enriquécese coa proximidade da Fervenza de Augacaída, un dos puntos de interese máis destacados da contorna.

PEGADAS CASTREXAS, ROMANAS E ROMÁNICAS AO LONGO DESTA RUTA

No seu escrito, a Asociación Veciñal destaca outros aspectos de gran valor que ofrece este itinerario pola beira do Miño. A través deste sendeiro homologado, o máis extenso da Ribeira Sacra con máis de 36 quilómetros, o visitante pode achegarse á historia patrimonial deste territorio, dende os restos castrexos da Portela, Mourelos e Ribeiras de Miño, ata a pegada imperial do tramo conservado dunha calzada romana nos Codos de Belesar. Non falta a profunda herdanza do románico, materializado nas igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Paio de Diomondi e San Martiño da Cova, no municipio do Saviñao, así como a de Santo Estevo de Atán, xa en Pantón.

SINGULAR ARQUITECTURA E ELEMENTOS ETNOGRÁFICOS DE GRAN VALOR

O valor etnográfico da Ruta ten gran importancia, como destacan dende a Asociación. No seu escrito, enumeran elementos singulares desta zona, como a arquitectura das aldeas de Galegos, Bexán, Seoane ou Atán, así como as adegas, os hórreos ou as airas destinadas en orixe ás mallas. Outros sinais de identidade da paisaxe arquitectónica son as minas horizontais para a captación da auga, propias da ribeira, ou os portelos que dan acceso aos viñedos.

Ademais de desfrutar coa contemplación destes puntos de interese, a Ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño conta con espazos de lecer, como o pobo de Belesar co embarcadoiro do catamarán, a Praia fluvial da Cova e a área recreativa fluvial de Maiorga.

A RUTA, “UNHA REALIDADE” GRAZAS AO TRABALLO DA ASOCIACIÓN E Á SUBVENCIÓN DA DEPUTACIÓN

No escrito, o colectivo veciñal lembrou que a Ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño foi “deseñada e aberta íntegramente” pola Asociación Veciñal do Saviñao. A sinalización e homologación deste itinerario, pioneiro no conxunto deste territorio, contou cunha subvención de 30.000 euros concedida pola Deputación de Lugo en 2012.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta fai obrigatorio o uso de máscaras en todo momento

Seguinte Nova

O coronavirus deixa a Monforte sen Patronais

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: