A Xunta fai obrigatorio o uso de máscaras en todo momento

Os cidadáns deberán levar a máscara tanto ao aire libre como nos espazos pechados, sempre que se poida concorrer con outras persoas e aínda que se poida garantir a distancia de metro e medio

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 17/07/20.

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta vén de adaptar o acordo de medidas preventivas para facer obrigatorio o uso de máscaras en todo momento.

Deste xeito, explicou que os cidadáns deberemos levar a máscara tanto ao aire libre como nos espazos pechados, sempre que se poida concorrer con outras persoas e aínda que se poida garantir a distancia de metro e medio.

As excepcións serán: aquelas persoas que teñan problemas respiratorios; cando se trate de persoas convivintes, tanto en espazos abertos como pechados; nas praias e piscinas durante o baño ou cando se permaneza sen desprazarse; nos establecementos de hostalería, no momento de consumir; e no caso de exercicio ao aire libre, sempre que sexa individual.

“Todos os expertos coinciden en que o uso xeneralizado de máscaras está a amosarse como unha das medidas máis eficaces para evitar a transmisión do virus”, recordou o titular da Xunta, subliñando que, con esta medida, Galicia dá outro paso máis no eido da prevención.

Nova adquisición de material para a loita contra a covid-19: máis de 6 millóns de euros
Nesa loita contra a covid-19, Feijóo destacou a autorización da tramitación de emerxencia de varios novos expedientes de contratación, por valor de 6,3 millóns de euros, para subministrar material e equipamento aos hospitais do Sergas fronte á covid-19.

O primeiro dos expedientes aprobados refírese á adquisición de equipos de protección individual por valor de 3,2 millóns, entre os que destacan: preto de 4 millóns de máscaras cirúrxicas; arredor de 20 millóns de luvas de exame de nitrilo e vinilo; 130.000 máscaras FFP2/FFP3; 25.000 pantallas de protección facial; 1.530.000 agullas hipodérmicas; e a adquisición de solución desinfectante e dosificadores.

O segundo expediente autorizado será para a contratación de diversos traballos e servizos na Área sanitaria da Coruña e Cee, así como para o subministro de materiais e produtos cun investimento total de máis de 2 millóns de euros.

Desta cantidade, ao redor de 1,3 M€ destinaranse principalmente á adquisición de kits de PCR, ademais de kits de detección de neumonía, kits de detección de ácidos nucleicos e medios de transporte para os virus.

O importe restante -algo máis de 740.000 euros- repartirase entre cámaras de inhalación para administrar medicamentos, máscaras de protección e máscaras cirúrxicas, termómetros dixitais e luvas de exame e cirurxía, así como gafas de protección ocular e batas protectoras estériles dun só uso.

No tocante ao terceiro expediente, que conta cun presuposto de 914.536 euros, ten como obxectivo diversos servizos e actuacións na área sanitaria coruñesa. Así, a maior parte deste orzamento destinarase a tarefas de limpeza e desinfección en hospitais, puntos de atención continuada e centros de saúde por 590.000 euros.

O último dos expedientes atinxe á Área sanitaria de Ferrol e estará destinado ao reforzo do servizo de limpeza no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, necesario para intensificar a desinfección no centro a causa da pandemia da covid-19.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Unha ducia de bibliotecas municipais do sur lucense terán preto de 30.000 euros para mellorar os seus fondos

Seguinte Nova

Piden que a Ruta do Miño sexa declarada de Interese Municipal

Últimas noticias sobre SAÚDE

A %d blogueros les gusta esto: