Feijoo consegue un resultado histórico, cunha cuarta maioría absoluta consecutiva

Ana Pontón leva ao BNG ao mellor resultado da súa historia, mentres o PSdeG non consegue rendibilizar o seu poder municipal e provincial

Alberto Núñez Feijóo confirmou os prognósticos revalidando a maioría absoluta en Galicia por cuarta vez consecutiva, nunha eleccións marcadas pola pandemia do coronavirus e a crise económica latente que, con todo, non impediron que os galegos acudisen a votar o pasado domingo, mellorando os datos de participación das eleccións de 2016 en máis de 5 puntos porcentuais.

No seu discurso tras coñecer os resultados electorais, Feijóo mostrouse emocionado. Tras dar as grazas á súa familia, destacou que os galegos optaron por confiar nun equipo de Goberno que acreditara a súa capacidade en tempos difíciles, como a pasada crise económica. Resaltou que non se equivocou cando apostou por Galicia, e reafirmou o seu compromiso con Galicia para os próximos anos.

A outra gran triunfadora da noite electoral foi sen dúbida Ana Pontón, que levou ao BNG a conseguir o mellor resultado da súa historia, erixíndose en segunda forza política galega, feito que a levará a liderar a oposición tras acadar 19 deputados e máis de 310.000 votos, aglutinando ao redor da súa candidatura a boa parte do electorado nacionalista e progresista que antes apoiara ás Mareas ou Podemos, partidos cun resultado pésimo que os deixa fóra do arco parlamentario galego.

A líder do BNG mostrou a súa satisfacción polo que cualificou de “enorme  caudal de ilusión en torno á candidatura do BNG” e asegurou que “todas esas persoas saben que hoxe estamos máis cerca de que no 2024 se produza o cambio en Galiza cunha muller presidenta”.

O PSdeG, con Gonzalo Caballero como candidato, aínda que mellorou nun deputado os resultados obtidos en 2016 por Xaquín Fernández Leiceaga, non conseguiu rendibilizar o poder político que ostenta nas Deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra, así como nas alcaldías das principais cidades galegas, nin coa presenza de Pedro Sánchez no Goberno do Estado.

Gonzalo Caballero dixo que “estou a disposición de cumprir con Galicia”,
e comprometeuse a “manter o temón en momento de tempestade” e tomar as leccións dun resultado electoral insuficiente mirando cara ao electorado moderado, coa convicción de que o PSdeG debe conectar coa maioría, tanto no electorado de esquerdas como no moderado, para erixirse na “alternativa necesaria” ao goberno do PP.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Consulte os resultados das eleccións galegas

Seguinte Nova

Pecha de xeito indefinido o mercadillo dominical do Parque dos Condes

Últimas noticias sobre ESPECIAL ELECCIÓNS

A %d blogueros les gusta esto: