Crónica del sur de Lugo

O sur de Lugo perde temporalmente dúas feiras temáticas do verán

Bóveda anunciou a suspensión da Feira Tradicional Outrora, e Brollón non celebrará este ano a Feira Medieval Guímara

A Feira Medieval Guímara, suspendida este ano pola situación sanitaria, é un dos eventos de máis afluencia que rexistra o sur de Lugo no mes de xullo. (Arquivo EC)

As limitacións impostas polas autoridades sanitarias para evitar contaxios están a frear o calendario festivo. A zona sur de Lugo borra de xeito temporal dúas das súas citas do mes de xullo, e que recuperaban ambientacións e motivos históricos vinculados co territorio.

NON HABERÁ FEIRA OUTRORA EN RUBIÁN ESTE 14 DE XULLO

O Concello de Bóveda anunciou que non celebrará a Feira Tradicional Outrora o vindeiro 14 de xullo. O evento, que cumpriría este ano a súa décimo oitava edición, suspéndese “por prudencia e responsabilidade”, segundo explicou o alcalde, José Manuel Arias. O rexedor xustificou esta decisión do Goberno local no cumprimento da normativa sanitaria en relación ao aforo. A Feira Outrora congrega cada ano en Rubián a un importante número de persoas. Arias aproveitou o anuncio da cancelación desta feira para lembrar á veciñanza que “é preciso seguir tendo moito sentidiño e moito coidado”.

MACEDA: “NA ACTUAL SITUACIÓN, CELEBRAR A FEIRA GUÍMARA SERÍA UN RISCO INNECESARIO”

Na mesma liña manifestáronse dende o Concello da Pobra do Brollón, que vén de suspender a Feira Medieval Guímara. Este evento de corte histórico, no que se lembra a revolta da veciñanza deste municipio contra os abusos do Conde de Lemos, deberíase celebrar na segunda fin de semana de xullo. “É unha decisión que tomamos con moita tristura”, afirmou o alcalde, Xosé Lois Maceda, “xa que somos conscientes da popularidade deste evento entre os veciños e veciñas”. Maceda apuntou que “na actual situación sanitaria a celebración da feira é inviable e suporía un risco innecesario”.

O rexedor da Pobra explicou que xa tiñan tomada a decisión nos primeiros momentos do estado de alarma, porque o parón que supuxo o confinamento impediu xestionar con marxe suficiente este evento e, no caso de telo xa organizado, non se podían garantir de xeito suficiente as medidas de seguridade para a súa celebración. Maceda amosou a súa esperanza en poder retomar esta concorrida feira o vindeiro ano.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

     
Ir a Inicio