Crónica del sur de Lugo

A necrópole do Castro de San Lourenzo acollerá unha nova edición do campo de voluntariado

Será en agosto, coa participación de ata 12 mozos e mozas, e cun protocolo hixiénico-sanitario pola Covid-19

Imaxe de arquivo dunha edición anterior do campo de voluntariado na escavación arqueolóxica do Castro de San Lourenzo. GPCPB

Un total de 12 mozos e mozas entre 18 e 30 anos poderán coñecer de cerca o proceso de traballo nunha escavación arqueolóxica na Pobra do Brollón. A parroquia de Cereixa acollerá a terceira edición do campo de voluntariado Castro de San Lourenzo, que se desenvolverá entre o 2 e o 13 de agosto.

UN EVENTO QUE REPERCUTE NA ECONOMÍA E NA COMUNIDADE LOCAL

No Concello, o Goberno local amosou a súa satisfacción porque a Xunta activara este ano os campos de voluntariado, entre os que está o de Cereixa. “Entendemos que se a Xunta dá luz verde a estas iniciativas, é porque se dan as condicións”, manifestou o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. O rexedor nacionalista salientou que “nós estabamos preparados a nivel municipal”, polo que “alegrámonos moito de poder continuar con estes traballos que repercuten na economía e na comunidade local”.

O CASTRO DE SAN LOURENZO, UN REFERENTE INTERNACIONAL DA ARQUEOLOXÍA EN COMUNIDADE

Desta volta, a terceira edición do campo de voluntariado do Castro de San Lourenzo centrarase na necrópole medieval, espazo no que se atopou o esqueleto humano apodado como “Atilano”, en moi bo estado, durante a campaña realizada en 2018. O arqueólogo e director da escavación, Xurxo Ayán, precisou que este xacemento deu a coñecer “unha das necrópoles medievais mellor conservadas e estudadas de Galicia”. Este feito permitirá aos participantes no campo de voluntariado “recibir unha formación pouco habitual”, xa que traballarán no que xa é todo un referente internacional da arqueoloxía en comunidade.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir a Inicio