Crónica del sur de Lugo

Monforte será o punto de partida do VIII Rally Turístico Terras do Incio

A oitava edición desta cita de coches clásicos desenvolverase do 8 ao 14 de xullo, limitado á provincia de Lugo

Presentación do VIII Rally Turístico Terras do Incio, coa presenza do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; e os membros da organización do rally, Andrés Castro e Pilar Debelius, o pasado 25 de xuño. GPDL

Un total de 25 vehículos clásicos participarán na oitava edición do Rally Turístico Terras do Incio, que este ano partirá de Monforte de Lemos, e seguirá un itinerario estritamente lucense. Así o explicaron o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e os membros da organización do evento, Andrés Castro e Pilar Debelius, na presentación do rally o pasado 25 de xuño. Entre outros patrocinadores, esta iniciativa deportivo-turística conta co apoio da Deputación de Lugo, a través dunha achega económica de 4.000 euros.

REDUCIÓN DO NÚMERO DE PARTICIPANTES E MEDIDAS HIXIÉNICO-SANITARIAS PARA UN EVENTO MÁIS SEGURO

O Rally Terras do Incio, que terá lugar do 8 ao 14 de xullo, limitou este ano o número de vehículos participantes, debido ás restriccións impostas pola alerta sanitaria. Para garantir un evento sen contaxios, a organización xa confirmou os protocolos hixiénico-sanitarios tanto cos establecementos hoteleiros como cos restaurantes, e informaron a todos os participantes das medidas que deben seguir durante a súa participación.

A RIBEIRA SACRA E O COUREL, NO MAPA DO RALLY DESTE ANO

O percorrido deste ano céntrase en terras lucenses, tendo como punto de saída a cidade de Monforte de Lemos. O mércores 8 de xullo, os vehículos que tomarán parte no Rally Terras do Incio estarán expostos na emblemática praza da Compañía, entre as once da mañá e as sete da tarde. Logo da saída dende a cidade do Cabe, pilotos e acompañantes continuarán o seu itinerario turístico pola Ribeira Sacra, a Serra do Courel, a cidade de Lugo, a Mariña lucense e a Terra Chá, entre outros enclaves de interese da provincia.

VEHÍCULOS EXCLUSIVOS CHEGADOS DE ESPAÑA, FRANCIA E PORTUGAL

A comitiva de coches clásicos estará integrada por modelos exclusivos de marcas como Mercedes, Jaguar, Aston Martin, Masseratti, Morgan, Porsche, Lotus ou Ford. A procedencia dos participantes é moi diversa, con pilotos chegados de varios puntos de España, así como de Portugal e Francia.

O RALLY, UN EVENTO DE PROMOCIÓN PARA O TERRITORIO E A ECONOMÍA DA PROVINCIA DE LUGO

Na presentación do VIII Rally Turístico Terras do Incio, o deputado Pablo Rivera agradeceu á organización o seu labor e o esforzo que supón sacar adiante o evento “a pesar da situación que estamos a vivir debido á Covid-19”. Rivera xustificou o apoio económico da Deputación a esta iniciativa “porque o Rally favorece a proxección da nosa provincia e dinamiza sectores estratéxicos para a nosa economía, como o hostaleiro e o comercial”.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio