Crónica del sur de Lugo

Quiroga reactiva o deporte post-pandemia con tres andainas no mes de xullo

Ademais das medidas habituais para este tipo de actividade, haberá que manter a distancia de seguridade de metro e medio

Coñecer Quiroga e facer deporte na natureza son os obxectivos das Andainas polo Val de Quiroga: Xuntos pero non Revoltos, que terán lugar os domingos do mes de xullo. GPCDQ

O deporte de grupo e para todos os públicos volve a Quiroga, cunha programación de rutas a pé para o mes de xullo. Baixo a denominación “Andainas polo Val de Quiroga: xuntos pero non revoltos”, as tres citas, que se desenvolverán en domingo, permitirán a veciños e visitantes achegarse a puntos de interese cultural e natural do municipio quirogués, ao tempo que pratican deporte na natureza.

PERCORRIDOS DE 10 QUILÓMETROS POLA CONTORNA NATURAL E PATRIMONIAL DE QUIROGA

A primeira andaina desenvolverase o domingo 5 de xullo, cun roteiro de preto de 10 quilómetros ao longo da denominada Ruta da Encomenda. A saída está prevista para as 10:00 horas dende a Praza de España, para continuar por Toucedo, Os Novaes, Caspedro, San Xulián de Arriba, Hospital, A Vergaza, A Hermida e O Regueiral. O punto de chegada será o Centro Social.  

O domingo 19 de xullo celebrarase a segunda andaina, centrada na subida á Conchada, cun trazado de case 11 quilómetros. A programación rematará o domingo 26 de xullo, coa andaina polo Paseo Fluvial e A Lamela, ao longo de preto de 10 quilómetros. As saídas serán sempre ás 10:00 horas dende a Praza de España, aínda que os participantes deberán estar neste punto 20 minutos antes.

Ao remate de cada andaina, a organización ofrecerá aos participantes uns pinchos de confraternidade.

RECOMENDACIÓNS PARA DESFRUTAR DUNHA ANDAINA SEGURA E SATISFACTORIA

Dende a organización explicaron que os participantes deberán manter en todo momento a distancia de seguridade de metro e medio. Entre as recomendacións habituais para este tipo de actividade, está gardar un bo descanso na xornada previa, realizar un quecemento previo á andaina, levar auga e calzado axeitado, e evitar participar se vén de sufrir algunha lesión ou enfermidade recente.

INSCRICIÓNS GRATUÍTAS ANTES DO VENRES PREVIO A CADA ANDAINA

As inscricións, de balde, realizaranse na Casa da Cultura de 8:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, ou na Oficina de Deportes, situada na Casa do Concello, de 9:00 a 14:00 horas, antes do venres anterior ao día da andaina. As prazas son limitadas, e os menores de 18 anos só poderán participar acompañados dun adulto responsable.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre DEPORTES

Ir a Inicio