Novo acordo institucional para dar solución á Ponte Ribeira

Deputación e Concello de Sarria asinarán un novo convenio por 150.000 euros para executar as obras neste punto

Reunión en Sarria presidida polo alcalde, Claudio Garrido, coa asistencia do presidente da Deputación, José Tomé, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, o pasado 19 de xuño. GPDL

A colaboración institucional entre a Deputación de Lugo e o Concello de Sarria permitirá dar un paso máis na recuperación da Ponte Ribeira, un emblemático punto de tránsito neste municipio e fito de interese no Camiño de Santiago.

ACTUALIZACIÓN DO CONVENIO DO ANO PASADO QUE QUEDARA SEN EXECUTAR

O compromiso entre o organismo provincial e o Consistorio sarriao materializarase nun novo convenio, por importe de 150.000 euros, para a execución das obras precisas que permitan a reapertura desta ponte. Así o anunciou o presidente da Deputación, José Tomé, no encontro que mantivo en Sarria co alcalde da vila xacobea, Claudio Garrido, o pasado 19 de xuño. Tomé explicou que o novo convenio dará forma ao protocolo, asinado en decembro pasado, polo que se restituía o acordo xa existente entre ambas institucións para este mesmo fin. “Mantemos a mesma achega económica que no anterior convenio”, salientou o mandatario provincial, para o que esta aportación de 150.000 euros suporá “un investimento importante cun impacto tamén moi importante para Sarria”. Cómpre lembrar que o convenio de 2019 perdera vixencia sen que fosen executadas as obras, como destacou o propio Tomé na reunión de Sarria.

GARRIDO: UN “PROXECTO ILUSIONANTE LOGO DE SEIS ANOS DE INCERTEZAS”

Pola súa banda, o alcalde, Claudio Garrido, amosou a súa satisfacción por este acordo, que facilitará unha solución para a Ponte Ribeira. Garrido fixo referencia aos “seis anos de incertezas” que parecen chegar ao seu fin con este “proxecto ilusionante” co que se fai “un servizo á cidadanía”. O alcalde de Sarria destacou o compromiso do Goberno local que preside para “seguir traballando desde a lealdade institucional con todas as administracións para sacar proxectos adiante”.

Na reunión celebrada no Concello de Sarria tamén asistiu o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, que lembrou “o total respaldo” deste organismo para facilitar a posta en marcha e o desenvolvemento deste proxecto.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Arranca a fase teórica do plan formativo da Deputación para atraer mocidade ao rural

Seguinte Nova

O colexio de Bóveda, entre as catro incorporacións do sur lucense ao programa E-Dixgal

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: