Crónica del sur de Lugo

Mascarilla, mans lavadas e responsabilidade: os mellores agasallos para os nosos maiores

A Xunta establece un protocolo nas visitas ás residencias para garantir a seguridade dos usuarios fronte a posibles contaxios

Se acompañamos aos maiores nos seus paseos, haberá que manter a distancia de seguridade e empregar mascarilla en todo momento. (Foto: AdobeStock).

O pasado 25 de maio, abríanse para as visitas as portas das residencias de maiores. Logo de dous meses de confinamento estricto debido á pandemia da Covid-19, as familias poden reencontrarse cos seus maiores, feito que, sen dúbida, axudará a incrementar o seu benestar. Ás boas novas e aos agasallos que lles levemos haberá que engadir o máis importante: a súa seguridade. Porque, despois de tanto esforzo durante o confinamento, non debemos baixar a garda. A evolución da situación xeral da pandemia é positiva, pero as autoridades lembran que resulta imprescindible manter a raia á Covid-19 polo ben de todos e, sobre todo, pola saúde dos nosos maiores.

ATENDER O PROTOCOLO XERAL E AS MEDIDAS CONCRETAS EN CADA RESIDENCIA

Para desfrutar ao máximo das nosas visitas ás residencias, e que os usuarios poidan recibirnos coa tranquilidade de saber que todo está baixo control, debemos cumprir de xeito estrito o protocolo de seguridade xeral establecido pola Xunta de Galicia. Ademais, debemos informarnos sobre as particularidades que fixan cada un dos centros residenciais, e adaptarnos á súa normativa.

PEDIR CITA CON ANTELACIÓN PARA UN ÚNICO VISITANTE POR QUENDA

As medidas que propón a Xunta son de sentido común e de fácil cumprimento, polo que só requerirá a nosa disposición para garantir unha experiencia agradable e segura no tempo que esteamos cos nosos maiores. En primeiro lugar, debemos pedir cita previa, para adaptarnos ás condicións de cada residencia, sendo conscientes da importancia de evitar aglomeracións e riscos para os usuarios. Ser comprensivos e responsables contribuirá de xeito moi positivo a que os centros xestionen mellor o seu calendario de visitas.

Posto que o obxectivo é distribuír a presenza para reducir contactos de risco, debemos contar con que só poida acudir unha persoa por cada visita. As medidas de prevención tamén afectan á frecuencia dos encontros, xa que boa parte das residencias só permiten unha visita semanal, agás as máis pequenas que, por ter menos movemento de persoas, aceptan incluso dúas visitas por semana. Para que todo vaia ben, temos que ser puntuais e rigorosos, achegándonos á residencia no día e hora que nos asignen, e cumprindo cos tempos estipulados.

Se temos febre ou tos, evitaremos as visitas ás residencias de maiores. Os centros aplicarán á entrada os protocolos de control que estimen oportunos. (Foto: AdobeStock)

ANULAR A VISITA SE TEMOS ALGÚN SÍNTOMA

Cando xa teñamos a cita pechada, haberá que estar atentos á nosa situación particular. No caso de notar síntomas como febre, malestar xeral ou tos, hai que ser prudentes e anular a cita. Sempre será mellor esperar e recuperarnos ben, a supoñer un risco para a saúde dos nosos familiares e dos seus compañeiros de residencia. En todo caso, os centros aplican un protocolo de seguridade á entrada, para verificar se o visitante pode ser ou non unha fonte de contaxio da Covid-19.

Manter as mans limpas, lavándoas con auga e xabón, ou empregando xel hidroalcohólico, garantirá a seguridade da visita para usuarios e profesionais da residencia. (Foto: AdobeStock).

HIXIENE E PROTECCIÓN INDIVIDUAL: O MELLOR COIDADO QUE LLES PODEMOS DAR AOS MAIORES

Dende a Xunta insisten en que o cumprimento das medidas de protección cando vaiamos a visitar aos nosos maiores non pode esquecerse en ningún momento. Por este motivo, durante todo o tempo que esteamos no centro, debemos empregar mascarilla, sen retirala en ningún momento. Ademais, preocuparémonos de lavar as mans ao entrar e ao salir da residencia, para reducir calquer risco de contaxio dentro e fóra do recinto.

As residencias permiten paseos ao aire libre, que son a solución óptima para desfrutar da visita con seguridade. Con todo, haberá que empregar a mascarilla en todo momento. Esta medida tamén é obrigatoria se a visita se desenvolve nun espazo interior. Os centros teñen habilitados espazos amplos para que os maiores charlen cos seus familiares. Só se permite o acceso ás habitacións dos residentes no caso de que estean encamados.

Se actuamos con responsabilidade todos gañaremos a batalla fronte á Covid-19. Cumprir as medidas de seguridade establecidas pola Xunta e ter en conta as indicacións propias de cada residencia será o mellor agasallo que podemos facerlle aos nosos maiores.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir a Inicio