Crónica del sur de Lugo

Os Campamentos Deportivos de Verán de Monforte medran en prazas e duración

Haberá 240 prazas repartidas en 3 quendas, con 10 días máis de actividades en total

Presentación no Concello dos Campamentos Deportivos de Verán, que se desenvolverán entre o 13 de xullo e o 21 de agosto. GPCM

O Concello de Monforte vén de presentar a nova oferta dos Campamentos Deportivos de Verán, que comezarán o 13 de xullo e se prolongarán ata o 21 de agosto. Segundo explicou o alcalde, José Tomé, esta edición ofrece un dos programas de actividades máis amplo dos últimos anos, que trata de responder “ás necesidades de conciliación familiar”, ao tempo que dá aos nenos e nenas a posibilidade “dunhas vacacións activas practicando actividades lúdicas de xeito saudable”.

POR SEGURIDADE, GRUPOS MÁXIMOS DE 10 PERSOAS, CONTANDO AO MONITOR

Os Campamentos de Verán contan con 240 prazas en tres quendas, durante un total de 30 días. Esta distribución atende, segundo o alcalde, “ás lóxicas limitacións” impostas pola crise sanitaria. Haberá 80 prazas por quenda, unha ratio maior que en anos anteriores, para nenos e nenas de 5 a 12 anos. Os participantes distribuiranse en grupos de ata 10 persoas, monitor incluído, por motivos de seguridade.

DE LUNS A VENRES, NO POLIDEPORTIVO DA PINGUELA, E NOS PAVILLÓNS DO IES A PINGUELA E DOS ESCOLAPIOS

As actividades desenvolveranse de luns a venres, agás festivos, en horario de 10 a 14 horas. A primeira quenda terá lugar do 13 ao 24 de xullo, a segunda comezará o 27 de xullo, e rematará o 7 de agosto. Por último, a terceira quenda dos campamentos será do 10 ao 21 de agosto. Para poder cumprir coa normativa sanitaria, tamén se ampliou o número de instalacións deportivas que acollerán as actividades deportivas e de lecer. Tomé explicou que, ademais do polideportivo de A Pinguela, estarán dispoñibles os pavillóns do IES A Pinguela e dos Escolapios. O alcalde amosou o seu agradecemento aos directores de ambos centros “pola súa colaboración co Concello”.

PREINSCRICIÓN TELEMÁTICA ATA O 25 DE XUÑO

Outra das novidades deste ano é a preinscrición telemática a través da páxina web municipal: www.concellodemonforte.com, para evitar aglomeracións nas oficinas municipais. Os solicitantes indicarán o número de quendas nas que queren participar, especificando, se procede, o orde de preferencia. Para asignar as quendas preferentes, terán prioridade os solicitantes empadroados en Monforte, as persoas que teñan aos dous proxenitores traballando, e as familias monoparentais. Para o resto de quendas, contará como criterio prioritario o estar empadroado na cidade do Cabe.

O prazo de preinscrición está aberto ata o 25 de xuño. Ao día seguinte, publicarase na web do Concello de Monforte a listaxe coas persoas preinscritas. Para a adxudicación, teranse en conta os criterios de prioridade antes indicados e, de ser necesario, procederase a sorteo. As listas de admitidos e de espera publicarase o 29 de xuño.

INSCRICIÓN DEFINITIVA DO 30 DE XUÑO AO 8 DE XULLO

A inscrición definitiva realizarase entre o 30 de xuño e o 8 de xullo, por vía telemática ou presencial. De escoller a vía on line, haberá que enviar toda a documentación requirida por correo electrónico a deportes@concellodemonforte.com. De xeito presencial, a documentación poderá achegarse directamente ás oficinas municipais de Deportes, situadas nas Casiñas da Compañía.

En canto aos prezos, o Concello mantén os importes dos últimos anos, que son de 51,75 euros por usuario e quenda sen transporte, e 67,28 euros por usuario e quenda con transporte ida e volta en autobús. No caso de familias numerosas, aplicarase un 50% de desconto sobre estas tarifas.

XEL HIDROALCOHÓLICO E ENTREGA DE MASCARILLA DIARIA Á ENTRADA DO CAMPAMENTO

En canto aos protocolos sanitarios, o Concello establecerá tres modalidades, referidas á entrada e saída dos cativos, o desenvolvemento das actividades, e a desinfección das instalacións. Respecto á chegada e saída dos Campamentos, realizarase de forma gradual para evitar aglomeracións. Os cativos serán confiados ao seu monitor na entrada da instalación que se lles indique previamente, que será a mesma todos os días da quenda. Alí, os menores desinfectarán as mans con xel hidroalcohólico, e o Concello entregaralles unha mascarilla diaria. Xa dentro, cada neno terá un lugar específico no que deixar sempre a súa mochila. Á saída, repetirase o protocolo de desinfección de mans, logo de desbotar cadansúa mascarilla no punto de reciclaxe específico.

TRAER BOTELLA DE AUGA DA CASA CO NOME ROTULADO DE CADA NENO

Para o desenvolvemento das actividades, os participantes deverán lavar as mans e desinfectalas con xel varias veces durante a súa estancia nas instalacións. Os monitores vixilarán se os nenos presentan síntomas concretos, para comunicarllo ás familias. Os grupos non manterán contacto entre eles, xa que disporán do seu propio material e espazo. Será obrigatorio que cada participante leve da súa casa a súa propia botella de auga, rotulada co seu nome.

O Concello limpará e desinfectará convenientemente as instalacións cada día, unha vez rematadas as actividades.

COINCIDENCIA DAS ÚLTIMAS QUENDAS COA NOVA EDICIÓN DO CAMPUS DO CELTA

En canto á axenda de actividades do verán, dende o Concello avisaron que a segunda e terceira quendas dos Campamentos Deportivos de Verán coincidirán coa celebración do 14ª Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C. Celta de Vigo. Por este motivo, as datas de inscrición van tamén coincidir coas dos Campamentos. Este ano, o Campus do Celta oferta 54 prazas, repartidas en grupos de nove participantes máis un adestrador, conforme ás limitacións impostas polas autoridades sanitarias.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre DEPORTES

Ir a Inicio