Crónica del sur de Lugo

En marcha as rutas fluviais da Deputación polo Miño e o Sil

Hai redución de aforo con recomendacións precisas para evitar contaxios e garantir unha experiencia segura para os visitantes

De esquerda a dereita: a alcaldesa de Castro Caldelas; o alcalde de Sober; a deputada de Turismo; o presidente da Deputación; e a tenente de alcalde de Monforte, na viaxe inaugural dos catamaráns, o pasado 13 de xuño. GPDL

Na tarde do sábado 13 de xuño, arrancou a primeira das rutas fluviais que ofrece a Deputación ata finais de ano. Por mor da pandemia, a tempada comeza con medidas específicas como a redución de aforo, a reserva on line ou o pago con tarxeta, entre outras precaucións.

A METADE DAS PRAZAS, SAÍDAS ALTERNAS E DESINFECCIÓN DO BARCO DESPOIS DE CADA VIAXE

Con motivo da viaxe inaugural, na que participaron autoridades provinciais e locais, a deputada de Turismo, Pilar García Porto, animou á veciñanza da provincia e do resto de Galicia a achegarse á Ribeira Sacra e desfrutar dun día de tranquilidade. “Falamos dun lugar idílico que está a un paso de ser declarado Patrimonio da Humanidade, e que xa é Ben de Interese Cultural”, precisou. García Porto insistiu nas medidas de protección establecidas para esta tempada, e que implican a redución á metade das prazas nos tres barcos das rutas, un calendario de saídas alternas para evitar aglomeracións no embarcadoiro da Ponte do Sil, e a desinfección completa das embarcacións ao remate de cada viaxe. O obxectivo é, segundo a deputada, “que o risco de contaxio ao realizar algunha destas viaxes sexa o mínimo posible”.

O ARRANQUE DOS CATAMARÁNS É UNHA “MOI BOA NOTICIA” PARA REACTIVAR A ECONOMÍA DA RIBEIRA SACRA

Na viaxe inaugural participou o presidente da Deputación, José Tomé, que destacou o arranque do servizo de catamaráns como “unha moi boa noticia para a hostalería, o turismo e o comercio da comarca e de toda a provincia”. Tomé salientou que as rutas dos catamaráns “axudarán a reactivar a economía unha vez superada a etapa máis dura da pandemia”.

O mandatario provincial, que estivo acompañado polo alcalde de Sober e presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e pola alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, amosou o seu convencemento de que “a participación irá aumentando pouco a pouco cada semana”. Tomé lembrou que “a prudencia debe primar neste tipo de actividades”, aínda que lembrou o esforzo da institución provincial “para que non se corra ningún risco á hora de desenvolver este tipo de iniciativas de lecer con seguridade”.  

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

     
Ir a Inicio