Crónica del sur de Lugo

Arrancan en Brollón os Concertos na Terceira Fase para apoiar a hostalería e a cultura

Estes concertos de balde serán nos bares, na hora do vermú dos domingos, con cita previa e aforo reducido

O músico de Salcedo Alexandro González dará o primeiro dos «Concertos na Terceira Fase» que organiza A Pobra do Brollón, o domingo 14 de xuño ás 13:00 horas. GPCPB

O Concello da Pobra do Brollón recupera a música como elemento dinamizador para compensar as dificultades derivadas da crise sanitaria. Se durante o confinamento animou á veciñanza e apostou pola cultura cun ciclo de concertos nas redes, agora retoma a música para apoiar á hostalería na volta á actividade económica. Con este fin, arrancan o domingo 14 de xuño os “Concertos na Terceira Fase”, unha serie de eventos con música en directo para animar a que será a terceira e derradeira etapa da desescalada.

Os concertos, que son de balde, celebraranse os domingos ás 13:00 horas, dentro dunha programación que incluirá ata mediados de xullo a artistas locais ou vinculados ao municipio. A primeira sesión, o domingo 14 de xuño, estará a cargo de Alexandro González, que actuará na terraza de O Fogón de Cereixa. O músico, natural da parroquia de Salcedo, ofrecerá con voz e piano versións de pezas clásicas de Galicia e América.

Os “Concertos na Terceira Fase” continuarán o 21 de xuño con Samparasón, na Salanova, e o día 28 será a quenda de As Searas, na Vella Taberna. A programación para xullo traerá as actuacións de Garabelo, no Pirata o día 5, e de Xerezade, no Primeiro de Maio o día 19.

Para asistir, é preciso reservar con antelación, no teléfono que se irá anunciando antes de cada concerto. Para a primeira actuación, prevista para o domingo 14 de xuño, hai que reservar no teléfono 982 430 015. A reserva necesítase para poder organizar as mesas da terraza, sobre todo no caso de asistencia de grupos, debido ás limitacións de aforo impostas polas autoridades sanitarias.

Ademais da reserva para o concerto, os asistentes que queiran comer no bar poderán avisalo na mesma chamada.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir a Inicio