Espazos adaptados e medidas de hixiene para un comercio e un lecer libres de contaxios

Comercios, establecementos de hostalería e de servizos contan con axudas da Xunta para financiar equipamentos e medios de protección fronte á Covid-19

O obxectivo é garantir unha experiencia segura para os clientes e tamén para os traballadores

A adaptación de comercios, perruquerías e pequenas empresas de servizos ás normativas sanitarias pola Covid-19 obrigounos a investir en equipamentos de hixiene e seguridade. (Foto: iStock)

A adaptación á nova normalidade trala crise sanitaria polo Covid-19 esixe o cumplimento de rutinas específicas para arrancar a actividade económica con garantías para consumidores e traballadores. Con este obxectivo, pequenos autónomos e pemes están a investir en diversas medidas para adaptar os seus negocios á normativa de seguridade sanitaria. Para apoiar a estes emprendedores, a Xunta vén de activar o programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros, que dispón de 16 millóns de euros cos que cofinanciar a instalación de medidas de protección en máis de 27.000 establecementos de toda Galicia, para ofrecer seguridade e confianza a traballadores e clientes.  

PARA NOVAS MEDIDAS, E TAMÉN PARA AS QUE XA ESTÁN EN MARCHA NOS ESTABLECEMENTOS

Este programa de axudas específicas está deseñado de xeito transversal, coa participación de tres Consellerías, e aberto a varios dos sectores que estiveron seriamente afectados pola crise sanitaria, e precisan tomar medidas concretas para retomar a súa actividade de xeito seguro: o comercio, a hostalería, os servizos e o transporte. Para isto, resultou imprescindible a colaboración entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a de Cultura e Turismo, e tamén a de Infraestruturas e Mobilidade, no deseño dunhas achegas que abranguen non só ás medidas que os empresarios xa implementaron dende o comezo do estado de alarma como as que se queren levar a cabo a partir de agora.

Reforzar a desinfección e hixiene dos establecementos é unha das accións primordiais para os profesionais, que repercutirá na activación do seu negocio. (Foto: iStock).

INVESTIMENTOS EN MATERIAL DE HIXIENE E PROTECCIÓN, BARREIRAS OU OBRAS DE MELLORA DA CALIDADE DO AIRE, ENTRE OUTRAS ACCIÓNS

Os requerimentos que teñen que asumir estes empresarios para poder activar os seus negocios inclúen dende o reforzo da desinfección dos establecementos como o equipamento de protección necesarios para a plantilla e os clientes, sen descartar obras que afecten, por exemplo, á ventilación e renovación do aire ou á instalación de elementos de barreira. Ademais, están obrigados polas autoridades sanitarias a informar oportunamente aos usuarios dos servizos sobre as medidas hixiénicas e de protección con que conta o seu negocio.

ATA 1.200 EUROS PARA FINANCIAR O TOTAL DAS MEDIDAS NO PEQUENO COMERCIO

O importe das contías que ofrece o programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros varía segundo o sector e as dimensións do negocio. Para os comercios de proximidade e as perruquerías que teñan menos de 10 traballadores e funcionen nun establecemento de menos de 300 metros cadrados, as axudas oscilan entre os 300 e os 1.200 euros, financiando en todo caso o cen por cen do investimento realizado. Os empresarios poden xestionar estas axudas directas a través do Igape Responde, a xanela única de consulta que a Xunta ten a disposición de autónomos e pemes sobre o conxunto de axudas dirixidas á reactivación económica.

SUBVENCIÓNS DE ATA 3.000 EUROS PARA PEMES CON MENOS DE 50 TRABALLADORES

No caso de pemes de menos de 50 traballadores, tanto do terceiro sector como do comercio, as achegas directas da Xunta cubrirán o 80% dos investimentos que teñan un importe entre 1.500 e 3.750 euros, o que suporá unha axuda máxima de 3.000 euros. Para este tipo de negocios, as subvencións tamén poden financiar a formación específica das persoas para aplicar protocolos e práticas de seguridade adaptados ás normativas e recomendación sanitarias, así como os custos pola obtención de certificacións de garantía de seguridade fronte á Covid-19.

Ofrecer todas as garantías de seguridade na hostalería e restauración axuda a promover Galicia como destino fiable e de confianza. (Foto: iStock)

APOIO AOS PROFESIONAIS PARA FACER DE GALICIA UN DESTINO TURÍSTICO SEGURO

As subvencións da Xunta tamén inclúe ao turismo e á hostalería, no marco do programa Galicia Destino Seguro, que busca axudas aos empresarios e profesionais a adaptarse á nova situación, ao tempo que se promociona á nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade. Esta liña de apoios está pensada para locales de hostalería e restauración, axencias de viaxe e outros establecementos de actividade turística.

Como no caso do comercio, as axudas ao sector turístico varían en función da tipoloxía de cada negocio. Os establecementos de menos de 10 traballadores e menos de 300 metros cadrados de superficie, poderán subvencionar o importe completo do investimento, a partir de 300 euros e ata un máximo de 1.200. Para as pemes de ata 50 traballadores, a aportación da Xunta financiará ata o 80% dos investimentos, que deberán ser dun mínimo de 1.500 euros, cun máximo de 3.750.

Esta iniciativa forma parte do Pacto por un Destino Seguro, que vincula á Xunta e ao sector turístico para desenvolver unha serie de accións de seguridade sanitaria coas que mellorar a información, o asesoramento e a formación para empresas e profesionais. Algunhas das accións xa están en marcha, como o teléfono de asesoramento para resolver dúbidas, ou o plan de formación en seguridade sanitaria impartido polo Centro Superior de Hostalería de Galicia e as entidades do sector, con 50.000 prazas repartidas en 500 cursos.

A seguridade fronte a posibles contaxios tamén inclúe aos transportistas de persoas e mercadorías. (Foto: AdobeStock)

MEDIDAS DE SEGURIDADE TAMÉN NO TRANSPORTE, CON SUBVENCIÓNS DE ATA 3.000 EUROS

O sector do transporte, substancial para un axeitado desenvolvemento socioeconómico, tamén dispón de axudas específicas que garantan a seguridade de profesionais e clientes. A Xunta ofrece subvencións de ata 3.000 euros para implantar medidas ou adquirir material de hixiene e protección. Poden beneficiarse destas achegas empresas e autónomos do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros, agás o sector do taxi, porque conta con liñas de apoio específicas. Tamén se beneficiarán destas subvencións os profesionais e empresas do transporte de mercadorías por estrada, e todas aquelas actividades anexas ao transporte terrestre.

O portal comerciosegurogalicia.com é de fácil manexo, e permite saber o que necesita cada negocio para evitar contaxios, ademais de obter o informe preciso para pedir a subvención. (Captura da páxina web comerciosegurogalicia.com).

COMERCIOSEGUROGALICIA.COM: UNHA FERRAMENTA PARA DIAGNOSTICAR A SEGURIDADE DOS NEGOCIOS E ASÍ PODER SOLICITAR AS SUBVENCIÓNS

Para que autónomos e empresarios poidan analizar que tipo de medidas han de poñer en marcha para a seguridade dos seus negocios, a Xunta ten activada unha plataforma gratuíta de autodiagnóstico on line. A web comerciosegurogalicia.com ofrece recomendacións sanitarias e de prevención axeitadas para cada sector e tipo de negocio, ademais de diagnosticar o que cada empresa ou establecemento necesita para dar garantías aos seus clientes e traballadores. Así mesmo, os empresarios e autónomos que queiran solicitar as axudas do programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros deberán incluir este informe de autodiagnóstico xunto co resto da documentación.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Segue descendendo o número de casos activos en Galicia por coronavirus: 465

Seguinte Nova

O Pazo de Tor abre o 26 de xuño con medidas anti Covid 19

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: