Crónica del sur de Lugo

Arrancan os encontros sectoriais do turismo promovidos pola Deputación

Serán cinco sesións on line, durante o mes de xuño, e abertas ao público por YouTube

Cartaz promocional do foro virtual «Abrindo as portas: o rexurdir do turismo», que promove a Deputación de Lugo en cinco sesión telemáticas entre o 8 e o 17 de xuño. GPDL

A Deputación de Lugo vén de poñer en marcha o foro virtual “Abrindo as portas: o rexurdir do turismo”, que ten como obxectivo reactivar o turismo na provincia logo do parón polo estado de alarma. Esta iniciativa forma parte da campaña “En Lugo: Si”, que busca reactiva o tecido económico da provincia na desescalada, poñendo o foco nas fortalezas de Lugo para convertirse nun destino turístico con garantías.

EN ABERTO PREVIA INSCRICIÓN POR CORREO ELECTRÓNICO

O foro virtual arrancará o luns 8 de xuño, cunha primeira xornada, que levará o título de “A sostibilidade e a confianza como claves para reactivar o turismo”. Nesta sesión inaugural participará o xefe de área de Turismo Sostible da Secretaría de Estado de Turismo, Ricardo Blanco Portillo, xunto a Deputada de Turismo, Pilar García Porto. Este encontro, como as catro sesións posteriores ao longo do mes de xuño, poderán seguirse de balde, a partir das 11:00 horas, a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. Con carácter previo, as persoas que queiran unirse á sesión deberán enviar un correo á dirección turismo@deputacionlugo.org, e recibirán as instrucións necesarias para conectarse. A primeira sesión estará dispoñible no enlace https://youtu.be/Woo3L6ypYn0.

FORO VIRTUAL DE PARTICIPACIÓN E DE AXUDA PARA ADAPTARSE Á NOVA REALIDADE TRALA PANDEMIA

O resto das xornadas deste foro virtual celebraranse o 10, 11, 15 e 17 de xuño, coa participación dunha vintena de asociacións profesionais, empresarios, institucións e outras entidades e axentes sociais vinculados ao sector turístico da provincia. Dende a Deputación salientaron o carácter participativo deste foro virtual, que busca recoller inquedanzas e necesidades de todos os axentes implicados, así como facilitar a adaptación á nova normalidade para facer posible o relanzamento desta actividade económica na etapa posterior á pandemia.

ENCONTRO DE COLECTIVOS EMPRESARIAIS VINCULADOS AO TURISMO

O mércores 10 de xuño será a segunda sesión do foro virtual, que se planteará como un diálogo con representantes de colectivos empresariais. No encontro, participarán as asociacións galegas de Albergues Privados, de Axencias de Viaxes, de Empresas de Turismo Activo e de Natureza, ademais da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, e a de Guías de Turismo de Galicia.

FORO DE DIÁLOGO ENTRE INSTITUCIÓNS, ENTES XESTORES E SOCIEDADE CIVIL

Na xornada do xoves 11 de xuño, haberá un coloquio no que participarán representantes de institucións, entes de xestión e da sociedade civil. Na lista de relatores, atópanse a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Francisco Cajoto, a delegada da S.A. do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, e o Presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López Vázquez.

COMERCIO, BALNEARIOS E VIVENDAS TURÍSTICAS

O protagonismo dos empresarios centrará a xornada do luns 15 de xuño, nunha nova sesión do foro virtual, que contará coa participación dos representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Asociación de Balnearios de Galicia, Federación Galega de Comercio, Federación Galega de Turismo Rural, e Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia.

A HOSTALERÍA PECHARÁ OS FOROS VIRTUAIS SOBRE O TURISMO NA NOVA NORMALIDADE

A derradeira xornada, que terá lugar o mércores 17 de xuño, adicarase por extenso á hostalería, na busca dun mellor desenvolvemento desta actividade con todas as garantías sanitarias para traballadores e consumidores. O foro virtual estará formado por representantes da APEHL, Hostelería de España, Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio