Arrancan os catamaráns da Ribeira Sacra con medidas anti-coronavirus

As rutas fluviais retómanse o 13 de xuño con redución de aforo, horarios flexibles e protocolos especiais

Os catamaráns voltarán a integrarse na paisaxe da Ribeira Sacra a partir do 13 de xuño, aínda que con modificacións nos aforos e nos horarios polas directrices sanitarias. (Arquivo EC)

As rutas fluviais pola Ribeira Sacra retoman a súa actividade a partir do 13 de xuño, aínda que con medidas de seguridade para evitar contaxios da Covid-19. Segundo adiantaron dende a Deputación de Lugo, os protocolos abranguen dende o método de pago das viaxes ata o sistema de información turística, ademais de cuestións como o aforo ou os horarios. En calquer caso, o reinicio da actividade dos catamaráns da Deputación “é unha moi boa noticia para o sector hostaleiro e turístico”, como afirmou o presidente do organismo provincial, José Tomé, trala Xunta de Goberno do venres 5 de xuño. Os catamaráns estarán en marcha ata fin de ano.

AFOROS REDUCIDOS Á METADE ATA QUE CAMBIE A NORMATIVA SANITARIA

Para garantir a distancia de seguridade, os catamaráns limitarán o seu aforo ao 50% nunha fase inicial, para irse adaptando ás directrices sanitarias conforme evolucione a situación xeral. No embarcadoiro Ponte do Sil, unha das embarcacións aceptará só 26 pasaxeiros por viaxe, e a outra 53, mentres que a de Belesar acollerá 31 viaxeiros de xeito simultáneo. Co fin de evitar aglomeracións, as viaxes espaciaranse ata en 5 horarios diferentes en Ponte do Sil, dende onde sairán as embarcacións en dúas quendas, e non de xeito simultáneo, como era o normal. En Belesar, tamén se establecerá un horario máis flexible.

PREFERENCIA POLA XESTIÓN TELEMÁTICA DOS BILLETES, E DESINFECCIÓN DOS CATAMARÁNS TRAS CADA VIAXE

Dende a Deputación, recomendan comprar os billetes de xeito telemático, a través da web reservas.rutasembalses.es. No caso de optar pola compra presencial, é preferible o pago con tarxeta. En canto ás reservas, flexibilizouse o procedemento de cambio de data, cancelación da viaxe ou devolución do billete. O acceso á información turística tamén será dixital, e para iso habilitouse un sistema de infografía a través de códigos QR.

En canto ás medidas de hixiene individual, tanto os traballadores como os usuarios das rutas fluviais deberán empregar mascarilla. Nas instalacións haberá dispensadores de xel hidroalcohólico para a desinfección de mans. Ademais, as embarcacións desinfectaranse despois de cada viaxe, “para que o risco de contaxio sexa o mínimo posible”, precisou a deputada de Turismo, Pilar García Porto.

NOVOS HORARIOS MÁIS ESPACIADOS CONTRA AS AGLOMERACIÓNS DE PÚBLICO

No mes de xuño, a partir do día 13 haberá cinco saídas de luns a domingo dende a Ponte do Sil. A embarcación 1, con aforo reducido a 26 prazas, ofrecerá tres itinerarios, ás 11:00, ás 16:00, e ás 19:15 horas, mentres que a embarcación 2, con 53 prazas, fará viaxes ás 11:30 e ás 17:30 horas. Neste mesmo mes, e de mércores a domingo, o catamarán de Belesar levará un máximo de 31 pasaxeiros en tres quendas diarias, ás 11:00, ás 16:00 e ás 19:15 horas.

HORARIO DE VERÁN ATA O 13 DE SETEMBRO NA PONTE DO SIL, E ATA O 20 EN BELESAR

Durante os meses de xullo e agosto, a previsión inicial é manter o mesmo aforo e as condicións de hixiene e distancia social que agora mesmo se esixen. Se non varía a situación xeral, os horarios, saídas e aforos manteranse no embarcadoiro de Ponte do Sil, mentres que en Belesar seguirá o mesmo horario e número de pasaxeiros, aínda que as viaxes se amplían a todos os días da semana.

O programa de viaxes na Ponte do Sil manterase sen cambios ata o 13 de setembro, e a partir do día 14, suprimirase a viaxe das 19:15 horas. En Belesar, seguirase co horario de verán ata o 20 de setembro, e a partir desta data, elimínase o percorrido das 19:15 horas.

Xa no mes de outubro, as previsións actuais limitan as viaxes dende a Ponte do Sil de mércores a domingo, ás 11:00 e ás 16:00 para o catamarán 1, e media hora máis tarde para o catamarán 2. De xeito excepcional, aplicarase este mesmo horario á xornada festiva do 12 de outubro. En Belesar, o catamarán funcionará de venres a domingo, e tamén durante a festividade do Pilar, ás 11:30 e ás 16:30 horas.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A provincia de Lugo sumouse ao minuto de silencio en memoria das vítimas da Covid-19

Seguinte Nova

Licitan a rehabilitación do Pazo de Diomondi para o seu uso como albergue

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: