Crónica del sur de Lugo

Novo lote de 75.000 mascarillas para os empadroados en Monforte

Do 8 ao 12 de xuño, os cidadáns poderán recoller as mascarillas en sete puntos fixos da cidade, segundo o colexio electoral que lles corresponda

No reparto anunciado para este mes de xuño, o Concello de Monforte distribuirá 75.000 mascarillas hixiénicas. En setembro, co inicio do curso, repartirá 15.000 mascarillas infantís. (Foto: Pixabay)

O Concello de Monforte anunciou un novo reparto masivo de mascarillas sanitarias para os empadroados na cidade. Desta volta, distribuiranse 75.000 unidades, catro por persoa, que deberán recollerse en sete puntos concretos da cidade. Estes puntos de distribución aproveitan o mapa de colexios electorales para facilitar a entrega, xa que cada persoa recibirá o seu lote de protección individual no punto que corresponda coa súa mesa electoral.

EN SEIS COLEXIOS ELECTORAIS MÁIS UNHA CARPA NO MALVARÓN

No pavillón de A Pinguela, repartiranse as mascarillas para os veciños aos que lles corresponda votar na mesa de Piñeira, e nas mesas Pinguela A e Pinguela B. O antiguo Centro de Hixiene e Sanidade da Avenida de Galicia será outro dos puntos de reparto, para os veciños vinculados ás mesas deste Centro, e á de Drogodependencia A. Tamén haberá mascarillas para recoller nas Casitas da Compañía, e as dependencias da Estación de Renfe distribuirán as dos veciños das tres mesas electorais deste punto máis os da mesa de Ribas Altas. Pola súa banda, na Casa do Concello recollerán as súas unidades os veciños que voten nas dúas mesas deste punto, máis os da mesa do IES Daviña Rey U e a de Seoane. O Multiusos será o punto de recepción das mascarillas para a veciñanza que teña como mesa electoral algunha das do propio Multiusos, as da Cruz Vermella, a do Colexio Sagrado Corazón e a do IES Río Cabe B. Ademais, instalarase unha carpa no Malvarón, fronte ao Zurich, para dar servizo aos veciños que teñan asignadas as mesas electorais da Gardería Infantil, a de Santa María do Monte B, e Penela A.

PUNTOS DE REPARTO ABERTOS EN HORARIO DE MAÑÁ E TARDE

Dende o Concello, explicaron que esta distribución aproveita que os veciños xa poden saír á rúa, para facilitarlles a entrega a través de varios puntos estratéxicos por toda a cidade. O persoal municipal encargado desta labor estará debidamente equipado para evitar contaxios. Os responsables desta iniciativa recomendan aos veciños que comproben previamente cal é a mesa electoral que teñen asignada, para acudir ao centro correspondente. Os puntos de reparto estará abertos pola mañá de nove e media a unha e media, e pola tarde dende as cinco ata as oito e media.

15.000 MASCARILLAS INFANTÍS PARA O VINDEIRO CURSO

En canto ás mascarillas infantís, o alcalde, José Tomé, anunciou que se repartirán 15.000 unidades en setembro, coincidindo co inicio do curso, tanto en colexios como en escolas infantís. Cada alumno recibirá un lote de sete mascarillas de talla infantil.

O reparto previsto para xuño e setembro integra o segundo lote de mascarillas que o Concello adquiriu para ofrecer á cidadanía material de protección individual fronte ao contaxio pola Covid-19. A finais de abril, tivo lugar o primeiro reparto masivo, cun lote de 70.000 unidades, tres por veciño, que se distribuíron porta a porta debido ao confinamento.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CORONAVIRUS

Ir a Inicio