Aprobadas por algo máis de medio millón de euros as obras de mellora de dúas estradas en Monforte e Sober

A contía máis alta corresponde ao acceso ao Pazo de Tor, e tamén se vai arranxar a estrada entre Canabal e Rosende

De esquerda a dereita: a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro; o presidente da Deputación, José Tomé; e a portavoz Pilar García Porto, na rolda de prensa trala Xunta de Goberno do 29 de maio. GPDL

A Deputación vén de aprobar a adxudicación das obras para mellorar catro viais da provincia en Monforte de Lemos, Sober, Guitiriz e Castro de Rei, por un importe global de 743.000 euros. Estas obras obtiveron o visto bo definitivo na que foi a primeira Xunta de Goberno do organismo provincial trala declaración do estado de alarma. Deste lote, a maior contía destinarase a Monforte, con algo máis de medio millón de euros para arranxar a estrada que dá acceso ao Pazo de Tor, espazo integrado na Rede Museística Provincial.

POTENCIACIÓN DA FINCA DE TOR MELLORANDO OS ACCESOS E A COMUNICACIÓN DENDE O CENTRO DE MONFORTE

Segundo explicou o presidente da Deputación, José Tomé, en Monforte vaise arranxar un tramo de 3,3 quilómetros na estrada LU-P-3207, cun importe de 477.830,36 euros. O mandatario provincial destacou esta obra, “moi importante polo volumen de investimento e pola mellora da comunicación”. O presidente apuntou que esta acción responde ao interese do organismo provincial por impulsar a finca de Tor.

O proxecto inclúe a ampliación da pista que accede ao Pazo de Tor, nun tramo de 600 metros. Tanto o tramo de entrada coma os 3 quilómetros de estrada que lle dan continuidade, disporán dun novo pavimento de mestura asfáltica en quente. O tramo dentro da finca incorpora un novo vial ata o aulario, así como novos accesos e unha rotonda para cambiar de sentido, e un espazo de estacionamento para autobuses e turismos. A Deputación quere iniciar as obras no verán, para telas completadas nun prazo de seis meses.

ARRANXOS NUN TRAMO DE UN QUILÓMETRO ENTRE CANABAL E ROSENDE, NO MUNICIPIO DE SOBER

En Sober, o organismo provincial arranxará un quilómetro do vial LU-P-5902, que conecta Canabal con Rosende e Arxemil, entre os quilómetros 3,5 e 4,5. Ademais da limpeza e reapertura de cunetas, o proxecto recolle a aplicación de mestura bituminosa en quente para pavimentar o vial, con pintado e sinalización horizontal. Para este proxecto, que estará rematado tamén en seis meses, a Deputación destina 61.347 euros.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aberto o prazo de matrícula na gardería municipal de Monforte

Seguinte Nova

Só dous casos novos de coronavirus detectados nas últimas 24 horas.

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: