Crónica del sur de Lugo

Lavar as mans: un xesto de saúde persoal e de compromiso coa sociedade

As normas de hixiene para frear a pandemia da COVID-19 conciénciannos sobre a importancia deste recurso natural e do seu uso responsable

Unha das medidas máis importantes de protección persoal contra o contaxio pola COVID-19 é o lavado frecuente de mans con auga e xabón. (Foto: Pixabay)

Se hai un xesto que define estes tempos de pandemia é o lavado de mans. O confinamento ao que obrigou a expansión da Covid-19 provocou que, nestes últimos meses, lavaramos as mans moito máis do habitual, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias. Este sinxelo xesto xa se incorporou á nosa nova normalidade como unha medida de autoprotección, pero tamén de responsabilidade con terceiros, para frear a cadea de contaxios e protexernos os uns aos outros. A gravidade da situación fíxonos ver a auga como unha canle de salvación, unha ferramenta de saúde e, tamén, como unha metáfora da responsabilidade individual e colectiva. Hoxe, máis ca nunca, o uso da auga representa o noso compromiso co benestar de toda a sociedade.

AXEITADA SUPERVISIÓN TÉCNICA E RIGOROSOS CONTROIS DO SUBMINISTRO, TAMÉN DURANTE O CONFINAMENTO

Cada vez que lavamos as mans ou abrimos a billa, sabemos que a auga de uso doméstico chega en perfectas condicións de salubridade. Garantir que este elemento natural chegue aos fogares en óptimas condicións é o resultado dun longo e sostido esforzo por parte das empresas subministradoras e das autoridades. O seu labor de xestión e verificación constantes de todo o proceso non parou durante a pandemia. Técnicos e profesionais especializados continuaron desenvolvendo os correspondentes controis sanitarios da auga, sometida a rigorosos tratamentos para garantir a súa salubridade, dende que a auga sae do manancial ata que chega ás nosas billas. Durante os meses de confinamento, as empresas puxeron en marcha os protocolos de continxencia para non deter en ningún momento a cadea de supervisión e servizo. Botando man de gardas do persoal técnico especializado e con remanente de reactivos suficiente para cubrir o funcionamento axeitado das estacións de tratamento de augas, as empresas lograron que os fogares continuasen dispoñendo de auga en perfectas condicións, de calidade, sen dano ademais para o medio ambiente.

O equilibrio do ciclo da auga contribúe á preservación da riqueza natural e paisaxística dos pobos. Na imaxe, tramo urbano do río Asma, en Chantada. (Arquivo EC)

A Xunta reforzou a coordinación coas empresas concesionarias para blindar o subministro e a calidade da auga durante a crise sanitaria, intensificando a toma de mostras e a realización de analíticas para verificar o estado das masas de auga e garantir o abastecemento óptimo dun elemento tan necesario coma este. Ademais, a Xunta continuou coa importante tarefa de mantemento das infraestruturas de subministro e tratamento de augas co fin de ofrecerlle aos cidadáns servizos de auga eficientes, achegando o seu apoio técnico e financieiro aos concellos para dotalos das instalacións necesarias e apoiando as accións de mellora vinculadas a estes servizos.

A auga non é un ben privado, senón unha riqueza natural e un patrimonio común que debemos empregar con responsabilidade. (Foto: Pixabay).

PROTEXER A NOSA SAÚDE E O BENESTAR DE TODOS CON PEQUENOS XESTOS NO FOGAR

Todo este esforzo das administracións e dos profesionais das empresas especializadas non é suficiente sen a colaboración da cidadanía mediante un uso responsable da auga. Se a pandemia nos obriga a incrementar a nosa hixiene de mans para protexer a nosa saúde, non debemos esquecer que este segue a ser un xesto de alta responsabilidade social. Máis aló da ameaza inmediata da COVID-19, está a alerta pola mala xestión dos recursos naturais que son claves para o equilibrio do medio ambiente.

Para ser responsable, non fai falla moita esixencia; simplemente chega con aplicar pequenos xestos cotiás que nos permitirán desfrutar dos beneficios da auga sen estragala. Por exemplo, podemos darnos unha ducha e evitar o baño, que gasta moita máis cantidade de auga. Cando cepillemos os dentes, podemos manter pechada a billa ata que precisemos facer uso dela. Este mesmo xesto serve á hora de fregar a louza na cocina, acción que aínda pode ser máis sustentable se instalamos dispositivos de aforro de auga. Tamén podemos probar a reutilizar a auga: por exemplo, colocando cubos nas canaletas ou no exterior da vivenda para recoller a auga da chuvia e empregala en regar as plantas, lavar o coche e espazos exteriores.

A responsabilidade co medio ambiente e os recursos naturais tamén afecta á auga da que nos desprendemos, e que vai parar ás estacións depuradoras, para integrarse, logo dun rigoroso e axeitado procedemento, nun novo ciclo natural. Por iso, hai que evitar o emprego do inodoro como vertedoiro de toalliñas, algodóns ou bastonciños hixiénicos (os que empregamos para limpar os oídos), e moito menos, as mascarillas, un complemento que se converterá en habitual nos próximos meses. A incorrecta eliminación destes obxectos dificulta o funcionamento dos sistemas de filtrado e depuración das augas residuais, co conseguinte incremento do gasto no mantemento das infraestruturas, e o grave dano para o medio ambiente.

Se estes meses de confinamento serviron para concienciarnos do valor de traballar xuntos por unha causa común, temos a oportunidade de demostrar o noso compromiso coa saúde a través dun consumo responsable da auga. Porque a auga é vida, e o medio ambiente o noso futuro.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio