Crónica del sur de Lugo

A aposta polas novas tecnoloxías e o traballo coordinado, “claves” para reactivar o turismo lucense

A Deputación de Lugo vén de ingresar na Rede de Destinos Intelixentes de España, que suma 120 membros, para dinamizar o sector tralo parón pola alerta sanitaria

Imaxe de arquivo do Consello Provincial de Turismo, un sistema de gobernanza valorado positivamente para o ingreso da Deputación de Lugo na Rede de Destinos Intelixentes. GPDL

Dende o 20 de maio, a Deputación de Lugo xa forma parte da Rede de Destinos Intelixentes, unha entidade de ámbito estatal coordinada dende a Secretaría de Estado de Turismo para promover un marco común de competitividade do sector turístico español. Xunto á candidatura da Deputación lucense, a Comisión Executiva da Rede deu luz verde á integración doutros 16 novos destinos, co que xa supera os 120 membros, entre destinos turísticos, institucións e empresas colaboradoras.

DESTINOS “MÁIS COMPETITIVOS” A TRAVÉS DA INNOVACIÓN E DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

Segundo valorou a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, este ingreso será “clave para o proceso de reactivación do turismo na nosa provincia”, ademais de “repercutir positivamente na chegada de visitantes despois da crise do coronavirus”. Para iso, a Rede bota man da innovación e das novas tecnoloxías, como ferramentas para acadar destinos turísticos máis competitivos, precisou. Neste sentido, García Porto salientou que a Deputación de Lugo comparte estes criterios con outras institucións e axentes do sector, polo que a adhesión á Rede “será moi enriquecedor”, e non suporá compromiso económico para o organismo provincial. Do que se trata, en palabras da deputada, é de “facer de Lugo un destino máis atractivo, achegándolle aos visitantes outra maneira de descubrilo”.

PLATAFORMA “CRUCIAL” PARA ADIANTARSE ÁS NOVAS DEMANDAS DOS VIAXEIROS

Este enfoque cara á innovación e ás novas tecnoloxías, coordinado por expertos do Ministerio de Turismo, vai permitir que a Deputación de Lugo e o resto de membros da Rede poidan adiantarse ás novas demandas dos visitantes. Deste xeito, a Rede de Destinos Intelixentes configúrase como “unha plataforma crucial para compartir información e guías de boas práticas”, ademais de impulsar “novas ferramentas punteiras no sector”, entre outras accións coordinadas.

O CONSELLO PROVINCIAL DE TURISMO E AS NOVAS APPS, PUNTOS FORTES PARA O INGRESO DA DEPUTACIÓN DE LUGO NA REDE

Os méritos que tivo en conta a Comisión Executiva da Rede para aceptar a candidatura da Deputación de Lugo teñen que ver con aspectos técnicos e de xestión. García Porto lembrou que un dos criterios que motivou a adhesión foi a gobernanza a través do Consello Provincial de Turismo. Entre os criterios técnicos, valoráronse iniciativas como a posta en marcha das aplicacións Lugo 360° e Inventrip para dispositivos móbiles, ou a aplicación dun sistema de información turística intelixente, entre outras accións.

A PROVINCIA DE LUGO, UN DESTINO “SAUDABLE” APUNTALADO NA NATUREZA, O RURAL E A ENOGASTRONOMÍA

Estes elementos forman parte da remodelación da estratexia turística que vén desenvolvendo a Deputación de Lugo, pero sen esquecer outros aspectos referidos á experiencia do visitante. “Traballamos para reforzar Lugo como un destino fiable, de calidade e de excelencia”, explicou García Porto, que salientou “a seguridade, a tranquilidade ou a sustentabilidade” como valores da estratexia, para presentar Lugo como “un destino saudable” baseado na “natureza, o rural ou a enogastronomía”.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

     
Ir a Inicio