Crónica del sur de Lugo

A Deputación celebra o Día das Letras Galegas cunha ampla programación en redes

Na canle de YouTube e nas redes da Vicepresidencia provincial poderase desfrutar dunha decena de actuacións musicais e escénicas

Foto de arquivo da vicepresidenta da Deputación de Lugo e responsable da Área de Cultura, Maite Ferreiro. GPVDL

Do 17 ao 27 de maio, as redes sociais converteranse no escenario cultural co que a Área de Cultura da Deputación de Lugo celebrará o Día das Letras Galegas 2020. Baixo o título “As Letras en rede”, esta programación en liña ofrecerá diversas actuacións musicais e escénicas, que se poden seguir de balde a través das redes sociais e da canle de YouTube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo (@vicedepulugo).

HOMENAXE AO ESCRITOR CARVALHO CALERO, E APOIO AOS PROFESIONAIS DA CULTURA, “UN DOS SECTORES MÁIS AFECTADOS POR ESTA CRISE”

Segundo explicou a vicepresidenta da Deputación e responsable de Cultura, Maite Ferreiro, o programa quere reivindicar a figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020, o profesor e escritor Ricardo Carvalho Calero, ao tempo que se contribúe á reactivación do sector cultural. Ferreiro puxo de manifesto a necesidade de apoiar aos profesionais da cultura, “un dos sectores que máis está sufrindo o impacto da crise da COVID-19 pola cancelación dos espectáculos en vivo”. A vicepresidenta provincial lembrou que a contratación deste programa non só beneficia a poetas, artistas, actores ou dramaturgos que levaban sen traballar varias semanas, senón tamén a todos os técnicos que fan posible o desenvolvemento dos espectáculos culturais.

MÚSICA TRADICIONAL CON VISIÓN CONTEMPORÁNEA, POESÍA E TEATRO PARA REACTIVAR E DESFRUTAR A CULTURA EN REDE

As dez citas culturais do programa “As Letras en rede” poderán desfrutarse a partir das 19:00 horas. O cartaz incorpora artistas de diversos xéneros, con espectáculos e propostas para todas as idades, dando preferencia a artistas lucenses e que se dedicaran profesionalmente ás actuacións en vivo.

Deste xeito, “As Letras en rede” contará coa actuación do músico Davide Salgado, cun extracto do seu último espectáculo, titulado “Amarelo”, no que reinterpreta pezas tradicionais, tanto de Galicia como doutras procedencias, dende unha ollada contemporánea, e botando man de textos de Manolo Cortés.

Pola súa banda, a compositora Ugía Pedreira ofrecerá unha selección de poemas musicados, acompañados por melodías propias e doutros compositores. A música continuará coas as lucenses Sabela Vázquez e Carmen López, integrantes do dúo Raiceira, que darán voz a varias melodías da tradición oral de Galicia.

O entorno da foliada recrearase da man dun trío, integrado para a ocasión por Miriam González ao acordeón, Pipo Alvariño á guitarra, e liderado polo gaiteiro Pepe Vaamonde, que traerán un espectáculo pensado para animar ao baile.

Para os amantes do teatro, o programa “As Letras en rede” proporá varias actuacións. A narradora e dramaturga Ana Carreira, cofundadora ademais de varias compañías galegas, traerá á escea unha proposta baseada en tres contos, dirixidos a público de todas as idades. A arte, a improvisación, a declamación e a escrita mesturaranse nun mesmo espectáculo, que virá da man da artista multidisciplinar Marina Oural.

A poesía máis actual estará presente no cartez de “As Letras en rede” con Olga Novo, poeta da Pobra do Brollón, con textos propios cargados de reivindicación feminista.

ACTUACIÓNS PARA O PÚBLICO FAMILIAR

Os cativos tamén contarán co seu espazo no programa “As Letras en rede”. Gloria Mosquera e Diego Maceiras, parte do elenco da banda Mamá Cabra, ofrecerá un percorrido polos éxitos desta formación musical infantil ao longo dos seus máis de 15 anos de carreira. Os máis pequenos poderán tamén desfrutar da proposta lúdica e cultural da compañía Micromina Títeres.

GRAVACIÓN DOS ESPECTÁCULOS CON ESTRICTAS MEDIDAS DE SEGURIDADE

As actuación graváronse no auditorio Gustavo Freire de Lugo, cumprindo estrictas medidas de seguridade para técnicos e artistas ao longo do proceso de produción e realización, ademais de desinfectar as instalacións e o material de traballo.


Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CULTURA

     
Ir a Inicio