Crónica del sur de Lugo

O alcalde presenta o plan Reactiva Monforte, con 1,4 millóns en axudas para impulsar a actividade económica

O plan busca paliar os danos da crise do COVID-19 nas pequenas empresas, autónomos, afectados por ERTE ou desempregados

Xuntanza do alcalde, José Tomé, e a concelleira de Facenda, Gloria Prada, cos representantes do tecido económico local, para presentarlles o plan Reactiva Monforte, o 8 de maio. GPCM

Ás portas de pasar de fase na desescalada, Monforte prepárase para afrontar a “nova normalidade” cunha inxección económica sen precedentes no municipio. O alcalde, José Tomé, presentou aos representantes dos sectores produtivos o plan Reactiva Monforte, unha iniciativa dotada con 1,4 millóns para paliar os danos que a crise do coronavirus deixou no tecido económico local. Tomé salientou que esta achega suporá “a maior axuda económica que se fixo nunca dende o Concello”.

LIQUIDEZ ÁS EMPRESAS E PROTECCIÓN DO EMPREGO

O rexedor monfortino explicou os detalles deste plan, dotado con fondos “provintes do actual orzamento municipal”, e que ten como obxectivo “actuar de maneira inmediata ante as consecuencias derivadas da crise económica e social”. O plan Reactiva Monforte está pensado, segundo Tomé, “para impulsar a actividade económica local, outorgando liquidez ás empresas da cidade, contribuíndo a facilitar o cumprimento das súas obrigas empresariais”. Con estas medidas, contribuirase “ao mantemento da actividade económica e á debida protección do emprego”.

As características do plan Reactiva Monforte déronse a coñecer nunha xuntanza do alcalde, acompañado pola tenente de alcalde e concelleira de Facenda, Gloria Prada, cos representantes do tecido produtivo e económico da cidade. Na reunión, celebrada o venres 8 de maio, estiveron presentes representantes do Centro Comercial Urbano de Monforte (CCU), da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería (APEHL-Zona sur), o delegado para a zona sur da Asociacion Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC) así como o delegado da zona sur da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

AXUDA DE 1.000 EUROS PARA PEQUENAS EMPRESAS E AUTÓNOMOS

Tomé explicou que o plan Reactiva Monforte, dotado con 1,4 millóns de euros do orzamento municipal, dará apoio aos empresarios e traballadores que, por mor da crise do coronavirus, víronse abocados a un cese de actividade, ou quedaron sen emprego, de xeito temporal ou definitivo, por esta causa. Así, a primeira liña de axudas concederá unha contía fixa de 1.000 euros ás pequenas empresas, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que sexan titulares de establecementos comerciais abertos ó público antes do 14 de marzo, cando a actividade que viñesen desenvolvendo se tivese visto afectada polo peche de establecementos pola declaración do estado de alarma.

200 EUROS PARA CADA AUTÓNOMO QUE SOLICITARA A PRESTACIÓN POR CESE

A segunda liña de achegas dará unha contía fixa de 200 euros aos traballadores autónomos que, sen estar afectados polo peche de establecementos do estado de alarma, se viran obrigados a cesar na súa actividade con posterioridade ao 15 de marzo de 2020 e por circunstancias relacionadas co Covid-19, sempre que tiveran solicitado e concedido a prestación por cese de actividade.

200 EUROS PARA CADA AFECTADO POR ERTE

Unha terceira liña de axudas municipais outorgará unha contía fixa de 200 euros aos traballadores por conta allea afectados por un expediente de regulación de emprego en calquera das súas modalidades, sempre que non se tivese chegado a acordo co empregador para completar o 100 % da base reguladora.

AXUDA DE 200 EUROS PARA OS QUE PERDERON O EMPREGO DESPOIS DO 15 DE MARZO

En cuarto lugar, contarán cunha contía fixa de 200 euros os traballadores por conta allea que tiveran sido obxecto de despido por parte do seu empregador por causas técnicas, organizativas ou da produción, agás os despidos disciplinarios, con posterioridade ao 15 de marzo de 2020.

200 EUROS PARA OS EVENTUAIS QUE QUEDARON SEN RENOVAR POLA CRISE DO COVID-19

Por último, o Concello dará unha axuda de 200 euros ós traballadores contratados temporalmente cuxo contrato finalizase con posterioridade ao 15 de marzo de 2020, e non fose renovado pola falla de actividade da empresa debido a circunstancias relacionadas coa pandemia.

PRAZO DE SOLICITUDE

As solicitudes deberán presentarse dentro dos trinta días naturais a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. Os interesados deberán formalizar a súa solicitude segundo o modelo dispoñible na web do Concello de Monforte, www.concellodemonforte.com. O escrito deberá dirixirse á Área de Promoción Económica – Desenvolvemento Local, e presentarse no Rexistro Xeral do Concello.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
Ir a Inicio