Crónica del sur de Lugo

Monforte abre a feira pero só para vender produtos agroalimentarios con redución de aforo e postos

O Concello anunciou esta medida en cumprimento da disposición da Consellería sobre a apertura condicionada dos mercados de proximidade

Nas feiras, só se poderá vender productos agroalimentarios perecedeiros e planta de horta para autoconsumo. (Foto: Pixabay)

Dende esta semana, poden abrir os mercados de proximidade en toda Galicia, aínda que con restriccións. Esta medida da Consellería do Medio Rural fíxose efectiva en Monforte o 6 de maio, data na que xa se pode desenvolver a venda no espazo da feira do Mercado Gandeiro, pero con importantes limitacións, para evitar contaxios polo coronavirus.

SÓ VENDA DE PRODUTOS AGROALIMENTARIOS E PERECEDOIROS, E DE PLANTA PARA HORTAS DE AUTOCONSUMO

En principio, e segundo informaron dende o Concello, na feira de Monforte só se poderán realizar a venda directa de produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros, así como de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais.

SÓ UN 25% DOS POSTOS AUTORIZADOS, E MENOS DUN TERZO DO AFORO DE PÚBLICO

A medida de Medio Rural á que se acolle o Concello de Monforte para reabrir a feira especifica limitacións moi precisas para a colocación dos postos e o aforo dos usuarios. Co fin de evitar riscos para a saúde pública, a feira de Monforte só poderá acoller o 25% dos postos habituais ou autorizados, e só se permitirá a asistencia inferior a un terzo do aforo habitual.

Ademais do número de postos, a Consellería establece unha disposición estricta para a súa colocación. Todos os postos deberán separarse por unha vía de tránsito, e cunha distancia mínima entre eles de seis metros, que será dun mínimo de catro nos laterais. Recoméndase que se evite a colocación enfrontada, preferindo a disposición en triángulo.

COLOCACIÓN DOS VENDEDORES DENTRO DO POSTO, E MEDIDAS RECOMENDADAS DE HIXIENE FRONTE A POSIBLES CONTAXIOS

Os vendedores tamén están suxeitos a condicións. Para empezar, só poderán estar no posto se son os titulares da explotación agraria con actividade rexistrada para a venda directa, empregados da explotación, ou familiares en primeiro grao dos titulares e que colaboren na explotación. Ademais, deberán gardar entre si unha distancia mínima de dous metros. Se o tamaño do posto non permite garantir esta distancia, só poderá permanecer nel un único vendedor.

O Concello tamén informou que a medida da Consellería aconsella ter á disposición do público luvas desbotables e xel hidroalcohólico hixienizante. En todo caso, será obrigatorio usar luvas para tocar os produtos. A recollida do lixo deberá realizarse segundo as instruccións das autoridades e nos contedores axeitados para cada tipo de material.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
Ir a Inicio