Crónica del sur de Lugo

Asesoramento gratuíto da Deputación para autónomos, PEMES e desempregados na crise do coronavirus

A Axencia de Colocación do organismo provincial ofrece de balde este servizo público de información e apoio

Imaxe de arquivo do presidente da Deputación, José Tomé, cunha das empregadas da Axencia de Colocación. GPDL

Os autónomos, as pequenas e medianas empresas, xunto aos desempregados, son outras das vítimas que está a deixar a pandemia do coronavirus. Estes colectivos son dos máis afectados polas consecuencias económicas do peche forzado pola alerta sanitaria. Para que poidan afrontar a nova situación sociolaboral, a Deputación de Lugo pon á súa disposición a Axencia de Colocación, que ofrece de balde asesoramento, información e apoio a PEMES, autónomos, emprendedores e demandantes de emprego.

REORIENTACIÓN DOS SERVIZOS PARA ATENDER AS NECESIDADES XURDIDAS DESTA CRISE

Con este obxectivo, os responsables provinciais reorientaron as funcións que, dende a súa creación hai dous anos, está desenvolvendo a Axencia de Colocación. Non só mantén os recursos que xa prestaba, senón que incrementou a atención específica a estes colectivos, para poder atender as súas demandas de información e asesoramento en todas as cuestións vinculadas á crise actual.

DOCUMENTOS COMPLETOS NA WEB DA DEPUTACIÓN, E ATENCIÓN PERSONALIZADA E GRATUÍTA POR TELÉFONO OU POR CORREO ELECTRÓNICO

Para facilitar o acceso a estes servizos, a Axencia de Colocación ten abertas varias canles de comunicación a distancia, adaptándose no posible ás medidas de seguridade de traballadores e usuarios. Na páxina web da Deputación de Lugo (www.deputacionlugo.gal) está dispoñible toda a información de interese para emprendedores, autónomos e PEMES. Así, pódese acceder de xeito gratuíto a unha sección con guías oficiais sobre medidas de prevención de contaxios en centros de traballo, cuestións xurídicas relacionadas coa crise sanitaria, ou medidas para o comercio minorista, entre outras. Ademais destes contidos, a web ofrece un apartado coa documentación completa sobre aprazamentos tributarios, permisos retribuídos e prevención de riscos laborais no contexto da alarma sanitaria. Por outra banda, a Axencia de Colocación tamén ofrece asesoramento e información sobre casos concretos a través do teléfono 982 260 204 e do correo electrónico agenciadecolocacion@deputacionlugo.org.

Persoal da Axencia de Colocación participou na xornada de benvida do alumnado do Campus Terra do curso académico 2019-2020. GPDL

ASESORAMENTO A DESEMPREGADOS, E ATENCIÓN ESPECIAL AOS ERTES POLA PANDEMIA

Ademais destes servizos específicos motivados pola actual situación, a Axencia de Colocación continúa ofrecendo o servizo de atención a persoas sen emprego. De feito, esta foi a razón de ser da Axencia dende os seus inicios, no ano 2018, atendendo non só ás solicitudes dos lucenses que buscaban un emprego, senón tamén de facilitar ás empresas a localización dos perfís máis idóneos para cubrir as súas necesidades de plantilla. Os axentes de emprego deste servizo da Deputación axudaron a poñer en contacto aos empresarios cos demandantes de traballo, axilizando o procedemento e optimizando a xestión para as dúas partes e, ademais, de xeito completamente gratuíto.

Nos case dous anos de funcionamento, a Axencia de Colocación da Deputación de Lugo ofreceu asesoramento profesional a case 3.000 persoas de xeito presencial, ademais de atender 2.350 chamadas. Neste servizo recibíronse máis de 3.600 solicitudes de persoas sen traballo ou que buscaban mellorar. O resultado ata hoxe foi a inserción laboral de máis de 360 desempregados.

Esta labor continúa, e aínda se intensifica máis debido á alerta sanitaria, que está xerando moitas situacións de incerteza e paro. Dende a Axencia de Colocación, os técnicos ofrecen de xeito gratuíto asesoramento laboral para os afectados polos ERTE, sobre a adaptación á nova situación, ou acerca do tipo de axudas ás que poden acollerse autónomos e pequenos empresarios.

SERVIZO DE ASESORAMENTO ESPECIALIZADO PARA LUCENSES EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE, COA COLABORACIÓN DO COLEXIO DE GRADUADOS SOCIAIS

Como complemento á Axencia de Colocación, a Deputación de Lugo ofrece outro servizo de asesoramento sociolaboral gratuíto, mediante un convenio asinado co Colexio Oficial de Graduados Sociais da provincia de Lugo. O convenio xurdiu logo de detectarse a necesidade de dar servizo a moitos traballadores, e incluso a pequenas empresas, que se atopaban en situación de vulnerabilidade a causa da crise. A perda de recursos impedíalles acceder a asesoramento especializado en asuntos do seu interese. Con esta prestación, a Deputación dá apoio a este colectivo, poñendo á súa disposición, de xeito totalmente gratuíto, o acompañamento de colexiados expertos en dereito do traballo e da Seguridade Social.

As persoas que desexen acceder a este servizo, poden contactar a través dos teléfonos 982 21 15 03 e 982 26 0204, ou dos correos electrónicos pae@deputacionlugo.org e graduadoslugo@yahoo.es. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
Ir a Inicio