Crónica del sur de Lugo

A Pobra do Brollón rendeu unha homenaxe a todos os que loitan contra o coronavirus

Na caravana, organizada polo Concello, homenaxeouse tanto aos profesionais e forzas de seguridade como ao conxunto da veciñanza

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, con representantes do Concello, Garda Civil, axentes forestais e persoal do Centro de Saúde, logo do minuto de silencio en memoria dos falecidos con coronavirus, na mañá do 29 de abril. GPAPB

No mediodía do 29 de abril, A Pobra do Brollón acolleu unha caravana de homenaxe ao conxunto da sociedade pola súa loita contra o coronavirus. O agradecemento tivo como especiais protagonistas aos corpos de seguridade e aos profesionais sanitarios, ademais dos veciños e veciñas por loitar conxuntamente nesta pandemia.

UN MINUTO DE SILENCIO EN MEMORIA DOS FALECIDOS CON CORONAVIRUS

A comitiva estivo formada por vehículos dos servizos públicos, coa presenza de representantes do Concello e da Garda Civil, así como axentes medioambientais e bombeiros, que percorreron as rúas principais da capitalidade, ata rematar diante do Centro de Saúde. A veciñanza sumouse á homenaxe dende as súas vivendas e establecementos, acompañando con aplausos ás sirenas dos vehículos. Á chegada ao Centro de Saúde, os membros da comitiva gardaron un minuto de silencio xunto ao persoal sanitario, en memoria das persoas falecidas con coronavirus.

MACEDA: “HOMENAXE A TODO ESTE POBO, E AOS QUE ARRISCAN A SÚA SAÚDE PARA PRESERVAR A DE TODOS”

Ao remate do acto, o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda, salientou que a homenaxe “é de todos e para todos”, e estivo dirixida “a todo este pobo que leva tantos días confinado, facendo un exercicio de compromiso e responsabilidade na loita contra o coronavirus”. Maceda insistiu en que este recoñecemento público do Concello da Pobra do Brollón “vai para toda a xente que está en primeira fila e arriscando a súa saúde para preservar a de toda a poboación”.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

     
Ir a Inicio