A canle Mercaproximidade achega 100 toneladas de pataca da Limia ao Banco de Alimentos de Lugo

Esta iniciativa da Xunta permitirá que este produto agroalimentario galego sexa distribuído a todas as sedes de Cáritas de España

Videoconferencia do 23 de abril do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para comunicar ao delegado da Xunta en Lugo a adquisición do lote de pataca da Limia para distribuír a través do Banco de Alimentos de Lugo. GPXG

Neste tempo de crise xeral, o agro galego ofrece alimentos e tamén solidariedade, da man de iniciativas públicas e adhesións privadas. A través da canle Mercaproximidade, posta en marcha este mes para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos, a Xunta vén de aportar 100 toneladas de pataca da Limia ao Banco de Alimentos de Lugo. A esta partida hai que sumar a doazón doutras 30 toneladas por parte dun produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia. Será o Banco de Alimentos de Lugo o encargado de distribuír esta partida total por todas as sedes de Cáritas de España.

SOLIDARIEDADE COS MÁIS NECESITADOS, E RESPIRO ECONÓMICO AOS PRODUTORES AFECTADOS POLO PECHE DOS MERCADOS E DA HOSTALERÍA

Esta adquisición comunicouna o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, nunha videoconferencia o 23 de abril. Segundo precisou Balseiros, a compra deste lote por parte da Xunta permite cumplir dous obxectivos. Por unha banda, asistir á poboación que está a padecer as consecuencias económicas derivadas da pandemia, e por outra, paliar a perda de ingresos que están sufrindo os produtores do agro galego debido ao peche das canles habituais para a distribución dos seus produtos.

VARIAS DOAZÓNS DURANTE A CRISE SANITARIA A ENTIDADES SOCIAIS

Esta iniciativa xa tivo precedentes nesta crise. A Xunta leva realizado varias compras de produtos galegos, que incluíron carne, queixo, mel ou patacas, que se remitiron esta semana a entidades sociais como o albergue Padre Rubinos da Coruña, a Cociña Económica de Santiago, San Froilán Cáritas, de Lugo, e o comedor social de Cáritas de Ourense, ademais do comedor de San Francisco, en Pontevedra, e o comedor social Vida Digna, de Vigo.

As doazóns realizáronse ao abeiro da orde publicada no Diario Oficial de Galicia do 14 de abril, que permite desenvolver estas actuacións excepcionais. A orde dá vía libre á Xunta para mercar produtos de primeira necesidade a aqueles produtores que están tendo problemas para dar saída aos seus produtos, debido ás condicións derivadas do estado de alarma.

MÁIS DE 100 PRODUTORES INTERESADOS E 10 GRANDES GRUPOS DE DISTRIBUCIÓN ADHERIDOS A MERCAPROXIMIDADE

A canle Mercaproximidade arrancou o 15 de abril, como unha iniciativa da Xunta para dar saída ao excedente do produto agroalimentario galego, que os produtores non podían achegar ao mercado polo peche decretado no estado de alarma, e que afectou aos mercados de proximidade, a restauración e a hostalería. Dende o día 15 deste mes, data na que se puxo en marcha esta canle, Mercaproximidade conta xa con máis dun cento de produtores interesados en sumarse a este formato de venda. Na iniciativa, que aínda segue aberta a máis adhesión, xa participan os grupos Gadis, Froiz, Carrefour, El Corte Inglés, Lidl, Alcampo, Covirán e DIA, así como Vegalsa-Eroski, a través dos seus establecementos Eroski e Familia, e o Grupo Cuevas, mediante a cadea de supermercados Plenus.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Preto de 300 libros para celebrar o Día do Libro no Hospital de Monforte

Seguinte Nova

Galega 100%: un selo para identificar con garantías o leite de calidade diferenciada

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: