O persoal de Urxencias do Hospital de Monforte fixo público un escrito de agradecemento

No texto remitido aos medios de comunicación, agradeceron a “resposta tan grande e xenerosa” de empresas e particulares

Logo de máis de dúas semanas de loita contra o coronavirus, o persoal de Urxencias do Hospital de Monforte quixo facer público o seu agradecemento pola “resposta tan grande e xenerosa” tanto de empresas como de particulares, ademais de organismos e institucións, pola súa colaboración á hora de aportar material de protección co que o persoal sanitario puido mellorar as súas condicións de seguridade.

Neste medio de comunicación, deixamos constancia do texto íntegro achegado por este colectivo sanitario:

“O persoal de urxencias do Hospital Comarcal está a vivir a peor situación da súa historia, e aínda así queremos trasladar unha mensaxe de ánimo e tranquilidade a toda a cidadanía: poden estar seguros de que seguiremos a deixar a pel na procura de dar o mellor servizo sanitario.

Como é sabido, algúns profesionais resultaron contaxiados no exercicio profesional. Diante da imposibilidade de contar con suficientes medios de protección, decidimos facer unha serie de chamadas a amistades, comercios, etc, solicitando a doazón de calquer material que puidera ser útil para mellorar a nosa protección, e tamén evitar poder contaxiar ás persoas que precisan atención urxente, pois, como é sabido, a nós non se nos está a facer test a non ser que teñamos clínica. Deste xeito, intentabamos garantir o persoal suficiente para dar a asistencia necesaria coa que facer fronte o virus que nos acompaña nestes días.

Pois ben, a resposta foi tan grande e xenerosa que nos sentimos na obriga de dar as grazas publicamente. Ao final desta nota, faremos a relación de persoas e entidades que tiveron a solidariedade e nos prestaron auxilio.

Non son momentos de crítica, pero tampouco podemos ocultar que algún material que se entregou a dirección para o noso servizo non se nos fixo chegar baixo a excusa de que non estaba homologado; a pesares disto, dispoñemos de material que se nos entregou en man e que fai posible que podamos desempeñar o noso traballo con máis seguridade e tranquilidade.

Unha das cousas que nos preocupa é a posibilidade de contaxio nos centros de maiores, onde tamén escasean os medios de protección. Por este motivo, procederemos a facer entrega de máscaras en distintas residencias que, despois de falar con elas, nos manifestaron a necesidade e que, grazas a colaboración desinteresada de moita xente, e tamén á achega de 700 euros feita polo persoal de Urxencias, nos permiten afirmar que nesta semana imos repartir 225 máscaras.

Por último, queremos solicitar e agradecer á poboación o seu comportamento, permanecendo na casa para que nós podamos atender aos que máis o precisen.

Na relación de agradecementos faltan particulares que nos pediron que non fixeramos pública a súa colaboración, e ben seguro que faltarán outros por mor do difícil que nos resulta levar unha correcta relación, dada a cantidade de xente que estamos a colaborar. En todo caso, o noso grandísimo agradecemento a todos.

Agradecementos a: Resistencia Valladolid: grupo dentro da iniciativa a nivel nacional do Coronavirus Markers, que nos fixeron chegar viseras para nós elaborar as máscaras; Ruth Fernández (Consello Regulador), representando ás adegas que colaboraron sen excepción; Raza Monforte; Bar Breogán; Bar Awa; Ferretería Villanueva; Ferretería Docasar; Forestal Ventura; Ferretería Casa Nogueiras (Pantón); Ferretería Cachaldora; Bazar Popular: En Home Market; Nortesan R.10S.L.(Lugo); Ferretería Agostiño; Agro López Monforte; BPC; Compañía Divina Pastora; Panadería Abeledos; Telepizza; Cafetería Polar; Espertamonforte!; Galeno (Lugo); Rural Varela Innovation; Agro Florida; Empresa Gallego; Colexio Médico; Colexio de Enfermaría; Cruz Vermella; Semes; Cooperativa Aira; Neosat; Veterinarios (Juan García, García Moral, José L. López); Concello de Monforte; Otecoa; Peregrinoteca (Sarria); Elio Figueiras; Abel G. Martínez; Juan Vázquez Vega; Antonio Santos; Reyes Losada; Alberto Grandío; Marcos Grandío López; José Luís (Cura do Hospital); e todo o persoal de Urxencias que, coa súa achega de 700 euros, fixo posible a compra do material.

De novo, a todos mil grazas, e sigan colaborando quedándose na casa. Hoxe (7 de abri) é o día da Sanidade Pública; ademais dos aplausos, asomen ás súas fiestras eses trapos blancos e, sobre todo, cando isto remate sigan defendendo a sanidade pública.”

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Xunta e adegueiros valoraron o impacto da crise sanitaria e as medidas para reactivar o sector

Seguinte Nova

Monforte apraza o pago de impostos municipais

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: