Crónica del sur de Lugo

Prohibida ata o 31 de marzo a venda directa de produtos agrogandeiros nas feiras polo coronavirus

Poderanse adquirir estes produtos por calquer procedemento que non precise presenza física

Cando se levante a prohibición, os mercados deberán seguir cumprindo normas estrictas para garantir a seguridade. (Foto: Pixabay)

A Xunta vén de prohibir, ata o 31 de marzo, a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados tradicionais, como medida de contención fronte o coronavirus. O Executivo autonómico publicou no Diario Oficial de Galicia do 24 de marzo unha orde que regula a venda deste tipo de produtos, así como a actividade dos proveedores de produtos para plantación en horta do consumidor, e os desprazamentos de agricultores e viticultores ás súas explotación.

En canto á medida que prohíbe a venda directa, a idea é evitar os intercambios con presenza física, polo que o Executivo autonómico fomentará a adquisición destes produtos por outras canles, como a vía telefónica ou os pedidos por internet mediante correo electrónico. Permitirase a entrega a domicilio polo propio produtor, evitando así desprazamentos de persoas pola vía pública.

POSTOS SEPARADOS ENTRE SÍ, E NORMAS ESTRICTAS PARA VENDEDORES E CONSUMIDORES CANDO SE LEVANTE A PROHIBICIÓN

Segundo precisaron dende a Consellería do Medio Rural, unha vez que se levante esta prohibición, a venda directa nos mercados limitarase a produtos alimentarios agrogandeiros e perecedoiros. A orde establece tamén normas precisas para o mercado, tendo que haber unha distancia mínima de 6 metros entre os postos, que han de estar separados por unha vía de tránsito, e cunha separación lateral mínima de 4 metros. Con este fin, recoméndase a disposición en tresbolillo, en forma de triángulo equilátero, de xeito que ningún posto quede enfrontado a outro.

Tamén se establecen normas para os vendedores, que deberán gardar unha distancia mínima entre sí de dous metros. Se o espazo non o permite, o posto só poderá contar cun único vendedor. A Xunta recomenda aos comerciantes que teñan á disposición dos clientes luvas desbotables e xel hixienizante, e obriga aos consumidores a empregar luvas en todo momento.

Para os consumidores, tamén haberá instruccións de obrigado cumprimento. Ademais do uso de luvas, deberán gardar entre sí de dous metros, coas excepcións que establece ao efecto a normativa estatal.

Poderán exercer como vendedores os titulares das explotacións rexistrados como tales no Reaga, familiares en primeiro grao que colaboren na actividade agraria, ou empregados da explotación.  

VENDA DE PRODUTOS DE HORTA

A orde de Medio Rural permite que sigan abertos os establecementos que venden produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais. Ademais, tamén poderán facer venda ambulante, para o que deberán acreditarse co carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios. O mesmo documento esixirase aos consumidores finais que adquiran estes produtos para plantar nas súas hortas.  

NORMAS PARA DESPRAZAMENTOS DE AGRICULTORES E VITICULTORES PROFESIONAIS

Están permitidas as viaxes de desprazamento de agricultores e viticultores profesionais cando se dirixan ás súas explotacións para realizar tarefas de mantemento e atención dos cultivos. Como acreditación, servirá a inscripción do traballador ou da explotación no Reaga para os agricultores, e do carné de aplicador de produtos fitosanitarios ou tarxeta de rexistrado emitida polo correspondente Consello Regulador, no caso dos viticultores profesionais.

PARA AUTOCONSUMO, SÓ AUTORIZAN DESPRAZARSE 500 METROS DO DOMICILIO, E CON SÓ DÚAS PERSOAS NA PARCELA

No caso de ser agricultor ou viticultor non profesional, que produce para autoconsumo, só terá permitido o desprazamento para tarefas de mantemento dos cultivos a unha distancia máxima de 500 metros do seu domicilio. O número de persoas que poden estar presentes simultáneamente na explotación redúcese a dúas, respectando ademais a distancia de seguridade. Como acreditacións, poderán presentarse o carné de aplicador de produtos fitosanitarios, ou a tarxeta de rexistrado no Consello Regulador.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio