Crónica del sur de Lugo

Flexibilidade do Plan Único da Deputación para que os concellos poidan usar máis fondos contra o coronavirus

O Goberno provincial libera aos concellos da obriga de gastar o 50% en investimentos, e destinalo a emerxencias

Imaxe de arquivo dun Pleno da Deputación de Lugo. O organismo provincial levará o Plan Único para a súa aprobación no Pleno extraordinario fixado para o 2 de abril. (Arquivo EC)

O Goberno da Deputación decidiu flexibilizar as bases do Plan Único para que os concellos poidan empregar estes fondos a conter a situación de emerxencia provocada polo coronavirus. Como novidade, e de xeito excepcional, os concellos que así o necesiten quedan exentos da obriga de destinar a investimentos o 50% dos fondos que lle corresponden no Plan. Estes cartos poderán destinalos a cubrir necesidades xurdidas pola emerxencia de saúde pública. Con todo, o documento do Plan Único mantén a obriga de empregar o 60% da aportación provincial á mellora e arranxo de vías municipais.

TOMÉ: OS CONCELLOS, “MÁIS TRANQUILOS E SEGUROS PARA ATENDER AS NECESIDADES DESTA CRISE”

Esta decisión formalizouse na reunión mantida na mañá do 24 de marzo entre o presidente da Deputación, José Tomé, e a vicepresidenta do organismo provincial, Maite Ferreiro. Tomé xustificou esta medida en que “a principal función da Deputación é a colaboración cos concellos”. Esta disposición normativa permitirá aos municipios “responder con máis eficacia e rapidez ao novo escenario de necesidades” derivada da emerxencia sanitaria polo coronavirus. Tomé insistiu en que esta decisión do organismo provincial “dá aos concellos a seguridade e a tranquilidade de que van ver as súas arcas reforzadas para atender as necesidades que xurdan desta crise”, apuntou o mandatario provincial.

FERREIRO: O PLAN ÚNICO DEBE SER “UNHA FERRAMENTA FLEXIBLE” QUE SE ADAPTE AO QUE PRECISAN OS CONCELLOS NESTA CRISE

Pola súa banda, Maite Ferreiro salientou “o esforzo” que están a facer os concellos diante desta crise sanitaria, que cualificou como “un gran desafío” para as entidades locais. A vicepresidenta provincial puxo en valor as diferentes iniciativas que están a desenvolver os concellos, sobre todo no mantemento do Servizo de Axuda no Fogar, ou na organización de “servizos de proximidade para levar medicinas e alimentos a persoas maiores que viven soas ou non dispoñen de vehículo propio”. Ferreiro trasladou a vontade do Goberno provincial de converter o Plan Único “nunha ferramenta flexible, que se adapte ás necesidades que os concellos teñen nesta situación excepcional”.

O PLAN ÚNICO, A APROBACIÓN NO PLENO EXTRAORDINARIO DO 2 DE ABRIL

Para axilizar esta medida, o Goberno provincial convocou un Pleno extraordinario para o 2 de abril, no que se aprobará o Plan Único 2020, que sube ata os 21,3 millóns de euros. O obxectivo é non só dar saída á liquidez para a crise de saúde pública, senón tamén para “cubrir servizos sociais” e “reactivar a economía e o emprego” cando remate o estado de alarma. O Executivo provincial tamén incorpora máis flexibilidade nos prazos do Plan. Así, os concellos disporán dun mes máis, ata o 30 de outubro, para a contratación das obras e servizos con cargo a este programa.

PRIORIZAR O PAGO A PROVEEDORES, E REFORZO DA TELEASISTENCIA

Ademais destas novidades sobre o Plan Único, dende a Deputación veñen de activar outras medidas sociais e económicas, coas que paliar as consecuencias desta situación de emerxencia. Así, o organismo provincial vai priorizar o pago a proveedores, co fin de dar liquidez ás empresas. Ademais, reforzará o servizo de teleasistencia domiciliaria para dar información e recomendacións durante a pandemia aos máis de 1.300 usuarios.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
Ir a Inicio