Crónica del sur de Lugo

Sober, Bóveda e Taboada, entre os seis primeiros municipios lucenses con espazos desinfectados

As Brigadas de Medio Rural actuaron nos exteriores de residencias de maiores, persoas con discapacidade e centros de saúde

Os traballos de desinfección que realizan as brigadas de Medio Rural abranguen os exteriores das residencias de maiores e discapacitados, e tamén dos centros de saúde de 200 concellos do rural galego. GPXG

A Xunta vén de iniciar, en seis municipios da provincia de Lugo, as labores de desinfección dos exteriores das residencias de maiores e persoas con discapacidade, así como dos centros de saúde. Os primeiros traballos realizáronse en instalacións situadas nos concellos de Sober, Bóveda e Taboada, así como nos de Baralla, Becerreá e Guntín.

DESINFECCIÓN EN 200 CONCELLOS GALEGOS DO RURAL DURANTE A EMERXENCIA SANITARIA

As tarefas de desinfección fronte ao coronavirus están a cargo dos profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, dependentes da Consellería do Medio Rural. A previsión da Xunta é que, no conxunto de Galicia, estes equipos actúen en case un cento de residencias de maiores e persoas con discapacidade, e en máis de 460 centros de saúde situados en 200 concellos do rural. Escolléronse estes espazos por seren moi concorridos e ter un maior risco de provocar o contaxio do coronavirus.

PROFESIONAIS EQUIPADOS CON SEGURIDADE E PARA REFORZAR OS PROTOCOLOS DAS RESIDENCIAS

Dende a Xunta precisaron que os profesionais deste servizo realizan a súa labor convenientemente equipados con materiais de protección e seguindo os protocolos establecidos fronte ao COVID-19, ademais de contar coa maquinaria e os produtos desinfectantes axeitados. Xunto ás labores de desinfección, os membros destas brigadas tamén contactan cos profesionais das residencias, para reforzar os seus protocolos de actuación.

VIXILAR O CONFINAMENTO EN ESPAZOS RURAIS

Outra das funcións que poden realizar estas brigadas será a vixilancia de zonas de esparexemento no rural, co fin de garantir o confinamento. Ademais, poderán comunicar posibles condutas irregulares a través da propia rede de emisoristas que ten o servizo.

Todas estas labores realízanas os profesionais de xeito voluntario durante as súas quendas de traballo. Segundo destacou a Xunta, está garantido o cumprimento da súa función principal, que é a prevención e extinción de posibles incendios forestais.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio